A CIG reclama a MOVE que cumpra co convenio e subrogue á totalidade do persoal do servizo de salvamento e socorrismo

A Coruña - 05 Xul 2018

A CIG reclámalle a MOVE, que finalmente resultou adxudicataria do contrato de salvamento e socorrismo das praias da Coruña, subrogue á totalidade do persoal contratado para realizar o servizo.  Segundo puido coñecer a central sindical -de maneira extraoficial posto que até o momento a empresa non entregou ningunha documentación ao Concello-  MOVE vai prescindir dos traballadores e traballadoras sanitarios, pasando a subcontratar este servizo a outra compañía.

A CIG entende que esta "selección propia" que fai a nova empresa incumpre o convenio colectivo de instalacións deportivas no que se establece o dereito á subrogación do persoal. Aínda que ao parecer o Concello da Coruña comunicou a adxudicataria a non obrigatoriedade da subrogación, para a CIG estamos ante unha das circunstancia de carácter especial que recolle o convenio, que debe ser respectado na súa totalidade. Outra interpretación do convenio deixaría a este persoal nunha situación de vulnerabilidade e os seus dereitos permanentemente limitados.

Por iso, a CIG demanda a MOVE que subrogue a todos os traballadores e traballadoras e respecte o dereito deste persoal a manter o emprego para o que foron contratados/as despois de superar un proceso de selección. O Concello da Coruña non pode tolerar que por un erro propio, varias persoas vaian quedar agora sen o traballo co que contaban para pasar o verán.

A este respecto, lembrar que a problemática xurdida no servizo de socorrismo poderíase ter evitado se no canto de primar os criterio economicistas na adxudicación do contrato, o Goberno municipal tivera valorado máis o cumprimento do convenio colectivo de referencia e o respecto aos dereitos e condicións laborais.  

Precarización laboral

Doutra banda, a CIG advirte da precarización laboral que está a facer a empresa, fomentando as contratacións a tempo parcial e obviando o carácter voluntario das mesmas, pois segundo teñen informado traballadores/as do sector, MOVE "ofrécelles" tempos parciais e en casos determinados se non aceptan ameazan co traslado a outras praias.