A CIG reclama a readmisión dos despedidos en Transegre cunha marcha a pé en Pontevedra

A empresa de transporte prescindiu de dous traballadores por concorrer ás eleccións sindicais na candidatura da central
Vigo - 20 Set 2016
Unha concorrida marcha a pé organizada pola CIG percorreu hoxe Pontevedra para reclamar a readmisión dos dous traballadores despedidos pola empresa Transegre por concorrer ás eleccións sindicais na candidatura da central. Dende o sindicato adiantan que o conflito non rematará até que os afectados recuperen o seu emprego e se celebren eleccións sindicais con todas as garantías.

(Galería de imaxes)

A marcha a pé, na que participaron máis dun cento de persoas, arrincou do pavillón de deportes pontevedrés ás 10.30 horas en dirección á estrada de Vilagarcía. Arredor dunha hora despois chegaba ás instalacións de Avícola de Galicia, empresa que pertence ao mesmo grupo que Transegre -o catalán Valls Companys-, onde se desenvolveu unha concentración até as 12.00 horas.

A comitiva estaba encabezada por unha faixa que portaban os secretarios comarcais da CIG-Pontevedra, Marcos Conde, e da CIG-Salnés, Xoán Xosé Bouzas, e os propios traballadores afectados e na que se podía ler 'Transegre reprime e despide. Despedidos readmisión'. Durante a manifestación, que ocupou o carril dereito da estrada, berraronse consignas contra a represión sindical en Transegre e en Avícola de Galicia e para reclamar a readmisión dos despedidos.

A xornada de mobilización incluíu unha concentración de media hora ás portas de empresa, que rematou coa intervención do secretario comarcal da FGAMT-CIG de Pontevedra, Xabier Aboi. O responsábel sindical quixo deixar moi claro que o conflito laboral manterase até que a compañía readmita os traballadores e convoque un proceso de eleccións sindicais "absolutamente limpo".

Ao mesmo tempo, Aboi aunciou que nos vindeiros días a central iniciará unha campaña informativa entre a cidadanía para dar a coñecer o que está a acontecer nestas empresas. O sucedido en Transegre xa motivou unha denuncia da CIG por un preunto delito contra a liberdade dos traballadores/as.