A CIG reclama a revisión do sistema de cálculo das pensións tras constatarse erros que as reducen

Trasladoulle o caso ao INSS, que recoñece a problemática pero non garante solucións

Nacional -

A CIG vén de reclamar que se revise o sistema de cálculo das pensións tras constarse a presenza de erros que reducen as cantidades a percibir por parte das persoas xubiladas. Dende a central puxeron o caso en coñecemento do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS), cuxos responsábeis recoñeceron a existencia de problemas no programa informático utilizado para determinar a contía das prestacións pero non explicaron de que xeito teñen pensado garantir que non se repitan.

A CIG detectou a existencia de erros no cálculo das pensións na provincia de Pontevedra que provocan unha redución dos ingresos que por este concepto perciben as persoas xubiladas, xa que as bases de cotización da Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS) non coinciden coas bases reguladoras do cálculo que fai o INSS. A central xa comunicou esta problemática tanto na comisión executiva provincial como a nivel estatal no consello xeral do INSS. 

A problemática detectouse en Pontevedra, mais podería afectar a outras provincias

Os dous organismos recoñeceron a existencia dos erros atopados pola central, mais non explicaron o que teñen pensado facer para que non se volvan repetir. O propio director provincial da TXSS asegurou que revisaron os casos aportados pola CIG e detectaron que <<a incidencia deriva das regras de xestión, filtros ou controis que ten implementados o programa ALFA para o cálculo das pensións>>.

Neste senso, indicou que estes problemas poden ser revisados e depurados pola persoa xestora no trámite de recoñecemento da pensión ou na fase de reclamación previa. Pero nada dixo de que xeito pensan evitar que se volvan producir.

En termos similares expresouse o secretario de Estado da Seguridade Social a través da directora xeral do INSS no consello xeral celebrado o pasado 21 de decembro, no que a CIG trasladou esta problemática a nivel estatal. Tamén recoñeceron a problemática, aínda que intentaron restarlle importancia aludindo ao feito de que se detectaron poucos casos e de que as cantidades individuais son de escasa contía. Mais tampouco revelou de que forma garantirán que os erros non se repitan, polo que as reclamacións da central quedaron sen resolver.

Na CIG consideran especialmente grave a actitude “irresponsábel” das persoas e dos organismos encargados de tramitar unhas pensións públicas cuxas contías son na maioría dos casos “miserentas” e que debido a estes desfases se reducen todavía máis. A central xa indicara nos escritos remitidos ao INSS que detectara os erros en Pontevedra porque foi onde que se revisaron os expedientes, polo que demanda da Administración pública que comprobe se se están a producir tamén noutras provincias. Tamén sinalara que as cantidades que cada unha das persoas cotizantes afectadas deixaba de ingresar podían resultar baixas, mais sumadas en conxunto significarían unha cifra importante.

Redución fraudulenta

Polo tanto, dende a CIG esixen a revisión dun sistema de cálculo das pensións “que entendemos resulta prexudicial para as persoas xubiladas, xa que nos atopamos con que ás xa de por si cativas prestacións súmase agora o feito de que tende a redondealas á baixa”, en palabras do secretario confederal de Negociación Colectiva, Paco Sío. 

O actual sistema de cálculo é prexudicial para as persoas xubiladas

De feito, a central amosara a súa preocupación ante as sospeitas do que podía ser un novo mecanismo do Goberno español para reducir de xeito fraudulento as xa de por si depauperadas pensións públicas galegas, que ano tras ano se sitúan entre as máis baixas do Estado e que continuarán a caer como consecuencia tanto da reforma imposta polo PP en 2013 como da que está a tramitar na actualidade.

Estes erros no cálculo das pensións descubríronse por primeira vez hai xa tres anos, cando os servizos xurídicos da Unión Local da CIG do Porriño atoparon durante a revisión dun expediente diferenzas importantes entre as cantidades que figuraban no informe da Tesourería e as recollidas na resolución final do INSS. A partir de entón todos os casos que se analizan presentan deficiencias similares, o que supón un prexuízo para as persoas afectadas “xa que, curiosamente, sempre se equivocan á baixa”.

Volver