A CIG reclama medidas para recuperar os niveis de emprego público e rematar coa precarización laboral nas administracións

A Área Pública remitiu as propostas e reivindicacións ante a “futura” Lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017

A Coruña -

A Área Pública da CIG vén de remitir as súas propostas ante a “futura” lei de Orzamentos Xerais do Estado para o ano 2017, que o executivo en funcións está a utilizar como arma propagandística en plenas negociacións para a formación de goberno. En calquera caso, con independencia da cor do próximo executivo ou de que finalmente se prorroguen os orzamentos deste ano, as demandas da central teñen un obxectivo claro: a recuperación dos servizos públicos de calidade e con carácter universal e a reposición dos dereitos e condicións laborais das traballadoras/es das administracións.

As propostas e demandas foron remitidas ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas logo do goberno en funcións solicitar das organizacións sindicais o seu posicionamento “sobre unha lei da que non sabemos nada”. “Nestes momentos descoñecemos quen vai ser a persoa interlocutora por parte da Administración Xeral do Estado na negociación dos orzamentos ou incluso cales serán as liñas xerais da política de xestión do persoal do próximo goberno”, sinala Maricarme López Santamariña, voceira da CIG-Área Pública (Administración, Ensino e Saúde).

Neste senso, López Santamariña engade que “todo o que sabemos é que o goberno en funcións anunciou que os salarios públicos medrarán un 1% en 2017 no caso de que se forme goberno a tempo de elaborar os orzamentos”. Un incremento que considera ridículo tendo en conta a continuada perda de poder adquisitivo do persoal ao servizo das administracións.

“Do que si temos certeza, continúa, é da realidade á que nos abocaron durante estes anos: destrución de emprego público, precarización das condicións laborais e desmantelamento dos servizos públicos coa súa consecuente desaparición ou privatización”.

Eliminación das limitacións para a reposición das vacantes

Fronte a isto, a CIG-Área Pública reclama do próximo goberno a eliminación das limitacións impostas para a reposición de vacantes “que ano tras ano levaron a facer inviábel o mantemento dos servizos públicos esenciais para moitos cidadáns e cidadás”. Por iso, entenden que non é suficiente coa taxa de reposición 100%, senón que se fai preciso abordar un plan de choque para recuperar, cando menos, niveis de emprego público do ano 2010, recuperar os servizos privatizados e os eliminados, e contar con cadros de persoal que permitan ofrecer servizos de calidade á cidadanía e manter unhas condicións laborais dignas.

Nesta liña, para enfrontar a precarización do emprego nas administracións públicas, a Área Pública da CIG propón medidas para rematar coa elevada temporalidade a través de plans de consolidación de emprego e unha oferta de emprego público con todas as vacantes, “incluídas as que necesariamente teñen que ser creadas”.

Por outra banda, para recuperar as condicións laborais e económicas do persoal a CIG reivindica medidas básicas como o restabelecemento do complemento por incapacidade temporal do 100%; aplicación do dereito á xubilación parcial a todo o persoal; reducir os procedementos de cobertura de xeito extraordinario e regulalos de maneira que permitan a transparencia e a igualdade de oportunidades; eliminación dos concursos especiais; incremento retributivo xeral acorde co PIB; reposición dos importes das pagas extraordinarias á situación anterior aos recortes; fondos para recuperación do poder adquisitivo; elaboración dunha norma básica que determine que o persoal da administración instrumental ten que ter as mesmas condicións que o resto do persoal; etc.

Recuperar e dignificar o emprego público

“Temos que recuperar e dignificar o emprego público”, asevera a voceira da Área Pública da CIG. “Coa xustificación da crise económica, estabeleceuse unha política de descrédito dos servizos públicos que lle permitiu ao goberno acadar un dobre camiño: recortar as condicións laborais do persoal empregado público e entregar os servizos públicos ao afán depredador de empresas privadas. Este camiño de destrución ten que ser abandonado definitivamente”.

Finalmente, no documento remitido ao Ministerio de Administracións Públicas recóllense unha serie de demandas dirixidas ao persoal ao servizo da administración central.

Volver