A CIG reclámalle a Medio Rural que lle ceda ao Concello da Rúa unha autobomba contra incendios

Denuncia que a Consellaría quere despezalo a pesar de atoparse na metade da súa vida útil

Ourense -

O sector de Autonómica da CIG-Administración de Ourense vén de reclamarlle á Consellaría de Medio Rural que lle ceda ao Concello da Rúa de Valdeorras un camión de extinción de incendios que se atopa de baixa temporal. Dende a federación de Administración denuncian que o departamento autonómico pretende despezar o vehículo, matriculado en 2005, a pesar de que se atopa na metade da súa vida útil.

A solicitude pública da CIG produciuse despois de que a central tivese coñecemento de que a Consellaría deu baixa temporal o camión contra incendios, modelo IPV e con matricula 6669-DKR, e que pretende despezalo a pesar de atoparse na metade da súa vida útil. “Cónstanos que o Concello da Rúa está interesado no vehículo e que se encargaría do seu mantemento e de todos os gastos necesarios”, indican.

Consideran un erro dar de baixa un camión destas características, xa que as súas especificacións técnicas (trátase dun vehículo especialmente estreito) fan que sexa moi útil para acceder a moitas vilas e para transitar por rúas estreitas. “Polo tanto, consideramos que é de recibo traspasarllo ao municipio da Rúa, xa que a súa utilización contribuiría a mellorar a protección da cidadanía e do medio ambiente”.

Diante disto, reclámanlle á Consellaría de Medio Rural que lle faga a cesión inmediata ao Concello “tal e como nos consta que se fixo noutras ocasións en casos similares”. Citan como exemplos os traspasos publicados no DOG do 3 de xullo de 2017, na páxina 32.283: a cesión dun URO a Santa Comba, dunha IPV a Silleda, doutro URO para A Lama, etc. “Así até un total de oito vehículos”, rematan.

Volver