A CIG reclámalle ao TSXG o reforzo do Xulgado de Xinzo ante a sobrecarga de traballo que padece o persoal

Na central advirten dos riscos psicosociais aos que se expoñen os traballadores/as pola situación de colapso na que se atopa este órgano
Xinzo de Limia - 24 Out 2023

O sector de Xustiza da CIG-Administración de Ourense vén de remitirlle un escrito á Sala de Goberno do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) para denunciar a situación de colapso na que se atopa o Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Único de Xinzo de Limia e reclamarlle que reforce o cadro de persoal para evitar a sobrecarga de traballo que padecen os traballadores/as.

Dende a central sindical lembran que a sobrecarga débese a que este xulgado leva materias como Civil, Penal, Rexistro Civil, “e tamén as cuestións de Violencia sobre a Muller, ademais de estar de garda permanente”.

A pesar disto a día de hoxe está cuberto unicamente por dous funcionarios/as do Corpo de Xestión Procesual, tres do corpo de Tramitación Procesual (sendo un deles un reforzo) e dous do corpo de Auxilio Xudicial. “Un deles, o da parte Penal, axudando nas tarefas de tramitación nos delitos leves, debido ao exceso de carga de traballo existente no órgano”.

Ao mesmo tempo, as funcións de dirección procesual son realizadas de xeito provisional por dous letrados/as da administración de xustiza con destino en Verín, que van dous días á semana, rotándose os dous en semanas alternas, ao fin de cubrir a vacante existente de letrado/a en Xinzo de Limia, que leva sen cubrirse máis dun ano e medio; “cando o que debería de facer a Sala de Goberno, en tanto non se cubra esa praza por titular, e nomear un letrado/a substituto/a que se poida dedicar a tempo completo ás labores que precise o órgano”.

Tamén sinalan que o reforzo do corpo de Tramitación Procesual está a piques de cesar (xa que apenas ten un ano de duración), o que levará aparellado unha carga maior para o resto de funcionarios/as. “E non hai que esquecer que as causas pendentes deste xulgado remóntanse ao período 2001-2005”.

Riscos psicosociais para o persoal

En consecuencia, citan a Lei de Prevención de Riscos laborais para advertir dos posíbeis efectos sobre a saúde, tanto física, como mental, do persoal que esta situación pode provocar, así como sobre o que se refire á propia realización do traballo “ao verse sometido a un estrés continuo”. 

Debera incrementarse de xeito definitivo o cadro de persoal para que quede configurado con dous xestores/as, catro tramitadores/as e dous auxilios

Así, consideran que existen riscos psicosociais que afectan ao persoal que presta os seus servizos no órgano, debido á sobrecarga de traballo que soportan, cos casos de Violencia sobre a Muller que entran diariamente, ao que hai que engadir os asuntos comúns, tanto civís como penais, que se deben de tramitar e, a maiores, as cuestións de rexistro civil. “As posibles consecuencias, de seguir con esta situación, sería o colapso do órgano por baixas de enfermidade do persoal, ou a escapada de funcionarios/as a outros órganos da contorna, sen que as prazas queden debidamente cubertas ou teñan que ser provistas por persoal interino con pouca experiencia, dado o estado de esgotamento das bolsas de interinaxe”.

Por todo isto, reclámanlle á Sala de Goberno do TSXG que de maneira urxente dote este xulgado dun letrado/a substituto/a e dous reforzos do corpo de Tramitación Procesual, “en tanto non se cree outro Xulgado de Primeira Instancia e Instrución que axude a mitigar o atraso existente”.

Neste senso, entenden que sen prexuízo da petición dun órgano máis, “debera incrementarse de xeito definitivo o cadro de persoal actual para que quede configurado con dous xestores/as, catro tramitadores/as e dous auxilios, dado que este é o cadro de persoal tipo dos xulgados mixtos da provincia de Pontevedra que teñen encomendados, ademais dos asuntos civís e penais, os expedientes de rexistro civil.