A CIG reclamará en Madrid un reparto de cotas xusto que garanta a viabilidade e o futuro do cerco galego

Unha representación da central achegouse ao peche que o sector mantén no Concello da Coruña
A Coruña - 13 Xan 2016
O cerco galego suma xa tres meses de loita continuada en demanda dun reparto xusto das cotas. Xunto coa acampada organizada diante dos edificios da Xunta en San Caetano, o sector iniciaba este martes novas accións de protestas con peches simultáneos nos concellos da Coruña, Porto do Son e Bueu. Á espera do resultado da xuntanza deste xoves na Secretaría Xeral de Pesca en Madrid, na que tamén estará presente a CIG, unha representación da central sindical achegouse ao encerro en María Pita.

O Secretario Xeral da CIG, Suso Seixo, a Secretaria Nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez, o Secretario Comarcal da CIG da Coruña, Xabier Filgueira, e a Secretaria Confederal das Mulleres, Margarida Corral, achegábanse á sala de exposicións do Concello da Coruña para trasladar o apoio os/as mariñeiros/as, armadores/as e as súas familias.

Alí interesáronse pola situación dun sector fundamental para Galiza como o pesqueiro, abandonado á súa sorte pola Xunta e vítima –ao igual que o agro ou o naval- das políticas nefastas impostas pola UE e os gobernos de Madrid. Por iso, na conversa cun mariñeiro no peche da Coruña, este criticaba duramente á Xunta pola súa incapacidade de xestión e obviar as competencias de goberno que ten en materia de pesca.

Reunión en Madrid

Este xoves está convocada unha xuntanza na Secretaría Xeral de Pesca á que asistirán, alén do Ministerio, federacións de confrarías, asociacións de armadores/as e gobernos autónomos das zonas afectadas. A CIG tamén acudirá, aínda que non foi até hai un par de días, e logo da presión exercida, que o goberno permitiu ás centrais sindicais participar nesta reunión. Unha actitude censurada por Xabier Aboi, responsábel do sector de Mar da CIG.

“Nesa reunión vaise tratar parte do futuro do cerco e a CIG ten que estar presente alí onde se decide o futuro dos sectores produtivos galegos”, aseveraba Aboi por teléfono mentres ía de camiño a Madrid.  Para engadir a continuación que a central sindical pedirá que se modifiquen os criterios de reparto “porque hai unha parte importante da flota que non ten cota para subsistir”.

A este respecto, Aboi lembrou que o problema fundamental do cerco radica nos criterios de reparto que se fixeron a Unión Europea, que resultaron fatais para a flota galega. Criterios, denuncia, empeorados polas decisións tomadas dende Madrid, de costas ao sector e sen que a Xunta se decatara ou, no peor dos casos, coa seu silencio cómplice.

Así, explica, coas políticas de cotas individuais (por barco) da UE e do Estado español, houbo barcos que comezaron a declarar cantidades de cotas maiores ou foron comprando as doutros barcos para facer os seus máis grandes. Isto coincidiu, segundo Aboi, cun cambio de políticas na UE e un reparto de cotas “miserentas” negociadas coas autoridades comunitarias por parte do Estado español. O que provocou que o sector tivera que ir negociar a Madrid, mentres a Xunta relega o seu papel ao de simple espectador.

En canto ao reparto das cotas en función do histórico de capturas (capturas declaradas), o representante sindical apunta que en Galiza dáse o paradoxo de que hai barcos que non teñen histórico.

Dende a CIG quérese trasladar todo o apoio ás mobilizacións e aos peches que se están a producir en distintos concellos galegos en defensa da viabilidade do sector e para reclamar unha cota digna.

Nova relacionada: Xabier Aboi acusa ao PP de “traizoar” o cerco galego e ao sector pesqueiro no seu conxunto