A CIG recorrerá os servizos mínimos decretados pola Administración para a folga do 8 de marzo

Considera que a proposta é “excesiva, abusiva, inaceptábel” e vulnera o dereito a folga das galegas

Nacional -

A CIG anuncia que recorrerá o decreto de servizos mínimos que publique a Xunta de Galiza se esta persiste na proposta que presentou esta mañá ás organizacións sindicais, “claramente vulneradora do dereito á folga das mulleres galegas do día 8 de marzo”.

Esta mañá a Secretaria Confederal das Mulleres, Margarida Corral, e a Secretaria Confederal de Organización da CIG, Susana Méndez, acudiron á convocatoria que desde a Administración se fixo aos comités de folga das distintas centrais sindicais para o estabelecemento de servizos mínimos de cara á folga de mulleres do 8 de marzo.

Na xuntanza a CIG trasladou á Administración o rexeitamento á fixación de calquera tipo de medida de servizos mínimos e nomeadamente á proposta presentada, por excesiva, abusiva e inaceptábel, xa que aumenta considerabelmente a realizada para convocatorias de folga anteriores, requirindo en moitos casos un incremento de persoal sobre o habitual en xornadas de domingo ou festivo.

Convocatoria dirixida ás mulleres

A CIG considera que carece de sentido esta medida con carácter xeral, xa que a central sindical fai un chamamento á folga dirixido exclusivamente ás mulleres e que aínda ten menos xeito, o seu estabelecemento en sectores moi masculinizados, como pode ser o caso do transporte de viaxeiros/as. “A falta de sensibilidade da Xunta ao respecto do obxecto da convocatoria, púxose tamén de manifesto na propia redacción da proposta de servizos mínimos, onde se recollen categorías laborais en masculino xenérico e só se emprega o feminino naquelas categorías de sectores feminizados”.

Para a CIG evidénciase que o Partido Popular é un dos principais inimigos das mulleres, por ser causante dos recortes aos dereitos das galegas, imposibilitando tamén que poidan exercer do seu lexítimo dereito a defenderse.

Volver