A CIG reitera o seu apoio á folga xeral convocada polas organizacións sindicais arxentinas para este 24 de xaneiro

Internacional - 22 Xan 2024

A CIG reitera todo o apoio á folga e ás mobilizacións que as organizacións sindicais CGT, CTA-Autónoma, CTA dos Traballadores e Traballadoras e outras centrais convocan para o vindeiro 24 de xaneiro na Arxentina.

Cada día que pasa, a situación é aínda máis alarmante. Á posta en venda do país e a súa soberanía, e á DNU e á chamada “Lei Ómnibus”, de consecuencias nefastas para a clase traballadora da Arxentina, vanse sumando novas accións e anuncios do goberno fascista de Milei. Estamos diante dunha escalada brutal, non só contra as condicións de vida das maiorías sociais, senón contra os seus dereitos básicos, cidadás e democráticos, cun medre da represión que lembra aos tempos máis dramáticos da ditadura, que o propio Milei e o gabinete macrista veñen xustificando.

No breve espazo de tempo que este goberno leva á fronte do país, os corpos e forzas de seguridade acabaron coa vida de 32 persoas, segundo os datos da Coordinadora Contra a Represión Policial e Institucional (CORREPI). Anuncios constantes e campañas como “quen corta non cobra”, ameazan as persoas beneficiarias de plans sociais que asistan a marchas de protesta con que deixarán de percibir esas axudas estatais.

Logo do último discurso de Javier Milei no pasado Foro de Davos, as perspectivas non son moi esperanzadoras. O seu ataque ás políticas sociais, a súa defensa a ultranza do capitalismo, a súa crítica á xustiza social, a fanática oposición ao socialismo, a ridiculización de fenómenos de cambio social, como o feminismo, e a súa aposta polos “mecanismos de control poboacional”, deixan ben ás claras que, lonxe de gobernar na defensa de “Viva la libertad, carajo!”, o que pretende é, precisamente, acabar con ela.

É, polo tanto, preciso e urxente que a sociedade se mobilice na defensa dos seus dereitos, da democracia e da soberanía do seu país.

Vaia, pois, todo o apoio da CIG á folga convocada para este 24 de xaneiro e ás mobilizacións que están programadas polas organizacións sindicais da Arxentina para poñerlle freo a este ataque contra os dereitos das clases populares.