A CIG rexeita a eliminación dunha praza de médico/a no centro de saúde de Soutelo de Montes

A central denuncia que o xerente da EOXI de Pontevedra e Salnés alude unicamente a criterios numéricos

Pontevedra -

Dende a CIG-Saúde din non compartir os argumentos manifestados polo xerente da EOXI de Pontevedra e Salnés nos medios de comunicación para xustificar a eliminación dunha praza de facultativo/a no Centro de Saúde de Soutelo de Montes.

Na central entenden que empregar unicamente un criterio numérico para a prestación sanitaria nunha zona rural non é admisíbel. Lembran que a poboación do rural, envellecida e dispersa, ten dereito a un servizo sanitario de calidade e critican que “a política sanitaria do Partido Popular está a provocar o éxodo do noso rural”.

Consideran que de continuar deste xeito “a volta de 10 anos non temos asistencia sanitaria no rural, o que suporá a desaparición total da poboación. Por iso sosteñen que falar de custe económico da prestación sanitaria como único parámetro medíbel “é condenar a milleiros de persoas a non ter unhas prestacións sanitarias de calidade e expulsalas do seu medio”.

Diante disto, dende a CIG-Saúde queren deixar moi claro que van dar a batalla para evitar a perda de postos de traballo e para que a prestación sanitaria de calidade chegue a todas as persoas “vivan onde vivan”.

Volver