A CIG rexeita as privatizacións nos colexios públicos do Concello de Vigo

Denuncia que o Goberno local vén de iniciar o expediente de contratación do servizo de mantemento, conservación e vixilancia
Vigo - 01 Dec 2023

A sección sindical da CIG no Concello de Vigo vén de amosar o seu rexeitamento ao proceso de privatización do servizo de mantemento, conservación e vixilancia dos colexios e das escolas públicas municipais posto en marcha polo Goberno local.

Dende a central sindical sinalan que “aínda que era un ruxe ruxe dentro do consistorio que nin sequera a propia concelleira negaba atopámonos esta semana coa aprobación pola vía extraordinaria e urxente do expediente de contratación deste servizo nos 49 centros educativos dependentes do Concello”. 

Coa privatización só se facilita que unha grande empresa veña pousar as súas gadoupas sobre as arcas municipais para embolsarse un bo beneficio. Xa que o contrato prevé a incorporación de 29 persoas a tempo parcial, que cobrarán pouco máis de 1000 euros brutos

Neste senso, lembran que o artigo 25.2 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, dispón que os municipios exercerán como competencias propias a conservación, mantemento e vixilancia dos edificios de titularidade local destinados a centros públicos de educación infantil, primaria ou especial. No caso de Vigo esta competencia era exercida a través da Concellaría de Educación con persoal propio do Concello: oficiais e/ou axudantes de oficios.

Este persoal era fixo ou temporal (para cubrir as necesidades do servizo e cubrir xubilacións) e entre as súas funcións inclúense apertura e peche dos centros, control da calefacción, vixilancia e mantemento das instalacións (fontanería, xardinería, electricidade, etc).

“Mais as nefastas políticas implantadas polo PP para reducir o funcionariado a través da imposición da taxa de reposición cero (prohibición de convocar as vacantes por xubilación) e o consentimento do posterior goberno 'progresista', así como a caladiña dos sindicatos estatais, están a provocar a defenestración dos servizos públicos”.

Neste contexto, na CIG consideran que a privatización dos conserxes dos colexios públicos é un claro exemplo do afán privatizador do Goberno de Abel Caballero. “E o máis lamentábel é que a concelleira que executa este contrato foi durante anos mestra e directora nun colexio público vigués”.

Contrato millonario

Segundo explican dende a central sindical, trátase dun contrato de case 1 millón de euros ao ano cunha duración total de cinco ano que engloba a 49 colexios e escolas infantís. “A figura do conserxe (oficial de mantemento) é fundamental para a comunidade educativa, polo que as escolas necesitan unha persoa de referencia, fixa no tempo e con implicación no servizo público”.

Por iso denuncian que coa privatización “só se facilita que unha grande empresa veña pousar as súas gadoupas sobre as arcas municipais para embolsarse un bo beneficio”. Xa que o contrato prevé a incorporación de 29 persoas a tempo parcial, que cobrarán pouco máis de 1000 euros brutos. “Por unha banda temos unha empresa con beneficios, e por outra temos persoas traballadoras precarizadas que non chegan ao salario mínimo e que terán que pluriempregarse”.

En consecuencia, dende a CIG reiteran o seu rexeitamento á política de privatización dos servizos públicos que caracteriza o Concello de Vigo, “xa que se trata duns servizos fundamentais cuxa xestión pública debemos de blindar e que teñen que contar co persoal suficiente para garantir a súa calidade”.