A CIG rexeita a violencia contra representantes sindicais na Arxentina tras un Encontro Nacional de Mulleres

Tamén a exercida contra traballadores/as do INTI despedidos/as
Internacional - 22 Out 2018

A Confederación Intersindical Galega (CIG) manifesta a súa preocupación pola escalada de violencia que se está a levar a cabo contra sindicalistas e traballadores/as na Arxentina que non fan outra cousa que loitar pola defensa dos seus dereitos. Están sendo constantes os capítulos de agresións de todo tipo, sen que se tomen ningún tipo de medidas para rematar con esta escalada.

Hai uns días, á altura de Bahía Blanca e no quilómetro 680 da ruta 3, sen o seu consentimento, trocando o rumbo, o colectivo no que viaxaban unhas compañeiras da CTA-Autónoma que regresaban do Encontro Nacional de Mulleres, saíuse da súa ruta, onde foron interceptadas e pechadas por dous coches particulares e outro colectivo, ao máis puro estilo de emboscada. Ao chegar ao destino déronse conta de que algunhas das súas pertenzas foran roubadas do maleteiro, feitos que xa denunciaron na Comisaría correspondente. Estes acontecementos foron un capítulo máis, logo da violencia vivida tamén no propio Encontro, exercida polas forzas de seguridade, contra as mulleres e o movemento LGTB.

Roubos e ameazas contra traballadoras/es do INTI

O pasado xoves, día 18 de outubro, os traballadores e traballadoras despedidos/as do Instituto Nacional de Tecnoloxía Industrial (INTI) que permanecían acampados diante da súa sede, para demandar a súa reincorporación, foron vítimas de roubos e ameazas, chegando a recibir unha“mensaxe” a través de dúas balas, na entrada do seu campamento.

Nestes meses (levan xa nove co conflito), as autoridades do INTI, a policía Federal e a seguridade privada da compañía Murata que opera nas instalacións, teñen feito de todo para atemorizar aos compañeiros e compañeiras en loita. Ameazáronos co desaloxo, con cortarlle o gas, a auga, perseguilos/as, …mais, logo de exercer a represión a tiros, a resposta estase a volver extremadamente perigosa. Hai que sumar a isto que, pola noite, mentres ameazaban á xente acampada, entraron pola forza ao local de ATE e roubaron a computadora na que, por suposto, estaba toda a información do conflito, trámites legais, documentación, etc.

Xa non é a primeira vez que se denuncia a escalada represiva e de violencia no INTI. O colectivo afectado e as organizacións sindicais que lle prestan o seu apoio, non pensan afrouxar na defensa dos postos de traballo no INTI, nin a loita contra os recortes en toda a industria soberana nacional da Arxentina.

Estas organizacións centran a maior responsabilidade en Javier Ibáñez e Ernesto Luna, autoridades do INTI e no goberno nacional, na figura de Patricia Bullrich, de quen depende a vida e integridade física dos traballadores e traballadoras.

Así pois, a CIG traslada toda a súa solidariedade cos traballadores e traballadoras afectados/as por estes conflitos e reclama que se poñan, por quen corresponda, as medidas necesarias para parar con esta escalada de violencia contra a clase traballadora e as organizacións que a representan.