A CIG rexeita as últimas propostas de convenio das patronais da seguridade privada e dos sindicatos estatais

A central celebrará unha asemblea de persoas delegadas do sector en Santiago este xoves día 15 para marcar a folla de ruta a seguir
Nacional - 13 Xan 2026

A CIG amosou o seu rexeitamento ás últimas propostas de convenio achegadas polas patronais das seguridade privada e dos sindicatos estatais na 11ª xuntanza da mesa de negociación celebrada o pasado 7 de xaneiro ao consideralas “inxustas, regresivas e socialmente irresponsables”. A central celebrará este xoves día 15 unha asemblea de persoas delegadas no local do sindicato en Santiago ás 16:30 horas para analizar en detalle o contido das propostas e marcar a folla de ruta a seguir nos vindeiros días, tendo en conta que a próxima reunión (na que se prevé a redacción definitiva e posterior sinatura do acordo) terá lugar o 27 de xaneiro.

Para a CIG-Servizos, as propostas do empresariado APROSER-FES-ASECOPS e dos sindicatos estatais UGT e CCOO non responden ás necesidades reais do sector nin garanten unhas condicións laborais dignas, senón que supoñen consolidar perda de dereitos e de salario das persoas traballadoras, xa que os incrementos propostos non compensan a perda de poder adquisitivo acumulada nos últimos anos. 

A CIG reclama unha salarial dun 8% anual, xunto ao incremento de nocturnidade e festividade ao 25% do valor da hora ordinaria e a necesaria equiparación do plus de perigosidade

Tal e como explica o responsábel de Seguridade Privada da central, Pedro Pérez, trataríase de subidas diferidas dun 16% en catro anos, co peso ao final do convenio, obrigando ao persoal a financiar durante anos a estabilidade empresarial. “Ademais, non se quere falar dun incremento substancial dos pluses de nocturnidade e festividade nin da equiparación do de perigosidade”.

Porén, a CIG mantivo súa reclamación dun 8% anual, xunto ao incremento de nocturnidade e festividade ao 25% do valor da hora ordinaria e a necesaria equiparación do plus de perigosidade. E denuncia que a cláusula de revisión do IPC está limitada e sen efectos reais durante a vixencia do convenio, polo que non garante o poder adquisitivo, senón que consolida a perda salarial.

Ao mesmo tempo, a central esixe a redución da xornada, “sendo de xustiza neste sector as 35 horas semanais”, con calendarios laborais anuais entregados antes do 30 de novembro, cubrindo o 100% dos servizos fixos e estables, e tres días de asuntos propios retribuídos. “Os sindicatos estatais nin sequera defenden os seus propios acordos internos en relación a xornada de 37,5 horas semanais, até o punto de que as supostas melloras que demandan están cheas de excepcións e quedan ao arbitrio da empresa. E non garanten descansos reais nin fins de semana efectivas”, censura Pérez. Fronte a isto, a CIG defende dúas fines de semana completas (sábado e domingo) ao mes e unha mellora económica substancial en todas as quendas de Nadal, Fin de Ano e Aninovo, así como o descanso alterno neses días.

O responsábel sindical lamenta que as propostas de convenio supoñan un incremento das esixencias, responsabilidades e dispoñibilidade do persoal sen melloras económicas proporcionais, ao tempo que se amplían funcións e cargas de traballo sen recoñecemento adecuado, polo que as cualifica de “inxustas, regresivas e socialmente irresponsables”.

Xubilación parcial

En canto á xubilación parcial e o contrato de relevo, a CIG rexeita a proposta de regulación por ser claramente insuficiente e restritiva. “Limita inxustificadamente o acceso a xubilación parcial ao vinculalo a índices de absentismo, trasladando a responsabilidade empresarial ás persoas traballadoras e penalizando a enfermidade, cando é consecuencia do avellentamento, da carga de traballo e da ausencia de medidas preventivas”. Non se garante a súa aplicación real ao depender do índice de absentismo e non se aposta polo relevo xeracional. 

Estamos diante dunha nova vendida dos nosos dereitos con acordos miserentos que o único que fan é perpetuar a precariedade

Neste senso, lamenta que tanto CCOO e UGT como USO aposten pola sinatura do convenio nestes termos “tras abandonar a súa propia proposta presentada na mesa para asumir a empresarial cunha serie de retoques que non supoñen avances significativos”: incremento salarial do 16% (3,5% en 2027, 4% en 2028, 4% en 2029 e 4,5% en 2030) e cláusula de garantía salarial limitada ao 2% se a suma do IPC é superior na vixencia do convenio.

Tamén se inclúe un novo redactado da desconexión dixital (ofrecéndolle máis flexibilidade ás empresas), aplicación do plus de radioscopia aeroportuario ao persoal de carga aérea, ampliación do descanso do 24 e 31 de decembro para libranzas a quendas do día seguinte ao traballado e entrega de cuadrantes mensuais con cando menos sete días de antelación.

“As patronais aceptan estas modificacións porque se axustan aos seus intereses, non perturban a organización do traballo e entran dentro das previsións de custe económico até 2030; é, pois, unha nova vendida dos nosos dereitos con acordos miserentos que o único que fan é perpetuar a precariedade, perdendo unha oportunidade única para acadar melloras laborais que fagan máis atractivo o sector para a incorporación de novo persoal”.

Por iso que a central insiste en que a vía estatal de negociación “está esgotada” e a “única saída” para mellorar as condicións das persoas traballadoras é a apertura da negociación dun convenio en Galiza que dea resposta ás demandas do sector, “mellorando as condicións laborais, económicas e sociais nun entorno máis favorable para a defensa dos intereses das persoas traballadoras galegas”.