A CIG rexeita nas rúas as cesións de CCOO e UGT á patronal contra a clase traballadora

Celebráronse asembleas de delegadas e delegados e mobilizacións nas sete cidades e Ribeira
Nacional - 01 Xun 2023

A CIG desenvolveu esta mañá asembleas en todas as cidades e Ribeira para analizar o alcance e as consecuencias do V Acordo polo Emprego e a Negociación Colectiva asinado por CCOO, UGT e CEPYME. Un pacto co que se pretende limitar a suba dos salarios, malia a grave situación económica que sofre a clase traballadora, frear as mobilizacións en demanda de melloras nas condicións laborais e salariais e que abre a porta á privatización da sanidade pública a favor das mutuas. Fronte a isto, ao remate das asembleas, as e os delegados saíron en manifestación para denunciar que o diálogo social é “unha fosa común para enterrar dereitos” e reafirmar que “a loita é o único camiño” para conseguilos.

Neste sentido, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na asemblea e na mobilización convocada en Compostela -que partiu da Praza de Galiza e rematou diante da Confederación de Empresarios-, denunciou que este novo pacto social afonda na precariedade, impulsa os abusos das mutuas e contribúe a privatizar a sanidade pública.

Advertiu que empobrecerá os salarios, porque o incremento do 3% que pactaron ten trampa, xa que topan a revisión salarial anual ao 1%, mesmo se o IPC fose superior e nin sequera xera atrasos, porque só sería de aplicación o 1 de xaneiro do ano seguinte. Por iso considerou que é particularmente grave, máis nun momento no que os beneficios empresariais son históricos, asumindo novamente a clase traballadora en solitario todo o custo do incremento da carestía da vida.

Denunciou que, ademais, regalan á patronal 2 anos, xa que a vixencia do acordo é de 2023 a 2025, descartando o 2021 e 2022, período no que a inflación foi do 12,20%. Isto coa agravante de que crean o concepto de “Medida Preventiva de Conflitos”, que vén sendo un chamado á "paz social" para frear a mobilización e facilitarlle á patronal a sinatura dos convenios.

Contratación precaria

No seu percorrido polo contido do acordo, Carril denunicou que contén un auténtico "manual" para fomentar a aplicación das principais medidas da reforma laboral de 2022, xerando precariedade e inestabilidade. Nese sentido apuntou que se institucionaliza, a través dos períodos de proba, “o despedimento libre e gratuito”, como confirma op feito de que xa se incrementaran nun 800% os despedimentos por esta vía; que se amplía de 6 meses a 1 ano o contrato de duración determinada por circunstancias de produción; que se amplía a modalidade dos contratos fixos descontinuos a tempo parcial e a través de ETT ou que se amplían as horas complementarias para os contratos a tempo parcial, o que, advertiu, “fomenta a fraude e o abuso para evitar recoñecelos como contratos a xornada completa”.

Carril rexeitou tamén toda referencia á flexibilidade so pretexto da conciliación, porque o que fai é impedila na práctica; que se utilice a mocidade como man de obra barata ou que se amplíen as posibiliddaes de ERTE e despedimentos colectivos xa contempladas na reforma laboral de 2012, que “permite a inaplicación unilateral de condicións de traballo, ou a imposición de ERTE por parte das empresas, sen ningún tipo de negociación real”.

Do mesmo xeito rexeitou a chamada "mobilidade funcional e polivalente", que vén significar que unha persoa faga de todo sen ter unha retribución acorde coas súas competencias ou que se fixe o cómputo do tempo de traballo semanal e non anual, “para que as empresas poidan dispor de nós, a modo de bolsas de horas, de xeito permanente”.

Privatización da sanidade pública

Con todo, un dos aspectos máis graves que criticou deste pacto é que se lle dá máis poder ás mutuas como vía de privatización da sanidade pública, e  sen ter en conta os abusos que cometen a diario, xa que van poder xestionar a baixas por IT cando se trate de problemas musculo-esqueléticos. Ademais, o propio pacto recomenda establecer acordos coas administracións para reducir a duración das baixas, culpabilizando as traballadores/es por estaren de baixa, cando é o sistema laboral e de xestión das mutuas o que falla.

O secretario xeral da CIG cuestinou, canda isto, que en materia de sinistralidade laboral non se aborden cuestións básicas como o recoñecemento de enfermidades profesionais, o abuso nas cadeas de subcontratación ou a participación das delegadas de prevención na saúde laboral.

Do mesmo xeito criticou o papel que se lle outorga aos Centros Especiais de Emprego e rexeitou o tratamento que se fai da discapacidade. Denunciou queestes centros non se rexen polo convenio e que manteñen a este persoal cun “salario inferior, realizando o mesmo traballo que persoas sen discapacidades”.

Por todo isto, o secretario xeral da CIG chamou a rexeitar os distintos aspectos deste acordo na negociación dos convenios colectivos e a mobilizarse para conseguir melloras laborais e salariais, entendendo a loita como único camiño para que a clase traballadora avance nos seus dereitos.