A CIG saúda o acordo que garante a actividade de Astilleros Joaquín Castro

A empresa con sede na Guarda foi recuperada grazas a un plan de viabilidade promovido pola central
A Guarda - 30 Xan 2017

A CIG vén de amosar a súa satisfacción polo acordo asinado entre Astilleros Joaquín Castro da Guarda e a entidade local menor de Camposancos para a utilización durante 30 anos máis dos terreos que ocupa a empresa, que recuperou a súa actividade tras catro anos e medio grazas a un plan de viabilidade promovido pola central xunto cos traballadores/as.

O acordo entre a compañía e a entidade local menor permitirá o uso dos terreos, que pertencen a Camposancos, polo menos 30 anos máis, o que garante o mantemento dos 18 empregos actuais e a supervivencia dunha empresa que vén de pechar carga de traballo para outros dous ou tres anos. Ademais, existe a previsión de ampliar o cadro de persoal até as 30 persoas.

A recuperación da actividade en Astilleros Joaquín Castro, que permaneceu catro anos e medio sen traballo, foi posíbel grazas ao plan de viabilidade promovido pola CIG co obxectivo de atopar novos/as propietarios/as “ante a incompetencia da anterior dirección”. Dende a central agradecen a colaboración do alcalde guardés, aínda que botan de menos que o acordo para o arrendamento dos terreos non chegase antes, xa que a demora puxo en perigo a viabilidade da empresa. Ao tempo, agradecen as xestións e apoio da oposición -liderada polo BNG- ás demandas dos traballadores/as.

“Agardamos que a partir de agora tanto o Concello da Guarda como a entidade local menor de Camposancos colaboren para que a empresa se manteña nesa ubicación”, indican dende a central. Lembran que se trata dunhas das compañías máis importantes do Baixo Miño que estaba a piques de pechar cando a CIG decidiu promover a súa recuperación “porque non estabamos de acordo coas indemnizacións que ía recibir o cadro de persoal”.