A CIG-Saúde alerta do colapso do servizo de Oftalmoloxía do hospital Meixoeiro de Vigo

Ducias de pacientes acumulábanse esta mañá nos corredores dunha unidade que rexistrou demoras de máis de dúas horas na atención
Vigo - 13 Xan 2026

A federación de Saúde da CIG denunciou hoxe un novo colapso no servizo de Oftalmoloxía do hospital Meixoeiro de Vigo, con ducias de pacientes acumulándose esta mañá nos corredores dunha unidade que rexistrou demoras de máis de dúas horas na atención.

A secretaria comarcal da CIG-Saúde, Pilar Rodríguez, lamenta a situación que atravesa un servizo “que é evidente que quedou pequeno hai anos, até o punto de as esperas para unha cita oscilan entre un e dous anos”. Unha situación que está a repercutir negativamente sobre as persoas traballadoras adscritas a esta unidade, tal e como teñen trasladado en diversas ocasións.

Pérez lembra que a propia dirección comprometérase a analizar as necesidades do servizo, tanto no referente a espazos físicos como de persoa, para prestar unha asistencia axeitada. “Pero pasan os meses e todo segue igual, e mesmo as novas máquinas coas que se conta e que poderían mellorar a atención permanecen pechadas nunha sala sen utilizar”.

Polo que dende a central sindical esixen medidas urxentes para rematar cunha situación “que se está a cronificar, afectando de xeito negativo tanto ao persoal como ás persoas usuarias da sanidade pública”.