A CIG-Saúde Compostela denuncia a inundación dunha unidade de hospitalización no Psiquiátrico de Conxo
A falta de planificación na execución das obras no Hospital Psiquiátrico de Conxo provocou que o mércores 18 de febreiro, durante os arranxos do tellado, se inundara unha unidade e fora necesario evacuar as e os pacientes durante o xantar. A CIG-Saúde lamenta que a Xerencia fixera caso omiso das numerosas incidencias comunicadas nas semanas previas polo persoal, advertindo das goteiras constantes e das caídas sufridas por varios pacientes, a un deles ocasionándolle danos físicos.
A este respecto, a CIG-Saúde denuncia que a Xerencia permitiu durante semanas que persoas traballadoras e pacientes estiveran en perigo ante o risco de electrocución e o posíbel derrube do falso teito, por mor da acumulación de auga que había debido ao arranxo do tellado durante os días de choiva.
No suceso do día 18, xusto cando as persoas usuarias remataron de almorzar, comezou a caer auga do teito e a saír a través do cadro da instalación eléctrica, das lámpadas e dos enchufes, provocando un apagamento na unidade. Aínda que a situación puido ser peor, o chan anegado e o risco de electrocución obrigou a que algunhas persoas foran trasladadas a outras unidades e que a outras se lles facilitaron permisos improvisados para ir ás súas casas. Ademais, as persoas traballadoras foron recolocados noutras unidades do hospital.
A CIG-Saúde solicitou reiteradas veces no seo do Comité de Seguridade e Saúde a creación dun plan de emerxencias no Hospital Psiquiátrico e a planificación e execución da actividade preventiva das avaliacións de riscos dos postos de traballo. A central tamén pediu a participación activa da unidade de prevención de riscos durante a coordinación de actividades empresariais debido ás incidencias rexistradas na realización das obras e os cambios transitorios de unidades.
A CIG-Saúde tamén denuncia que non foi informada pola Xerencia do suceso e descoñece a planificación das medidas adoptadas e a previsión da apertura da unidade afectada.
Por todo isto, reclámalle á Xerencia que cumpra co seu deber de velar pola seguridade e a saúde das persoas traballadoras e pacientes, de ofrecer unha asistencia sanitaria de calidade e que respecte os dereitos de consulta e participación da representación legal das persoas traballadoras.