CIG-Saúde cualifica de vergoña que 11 anos despois o Clínico siga sen unha Farmacia en condicións de seguridade

Compostela - 28 Xul 2023

A CIG-Saúde de Compostela-Barbanza critica a falta de información a respecto da apertura das novas instalacións de Farmacia do Hospital Clínico, que levan tres anos en obras, así como da situación das salas provisionais nas que está traballando o persoal deste servizo. Consideran unha auténtica vergoña que a Xerencia ignorara de maneira reiterada as deficiencias de seguridade e que despois de 11 anos da primeira denuncia "todo siga igual".

A representación da CIG lembra que no ano 2012 iniciou accións e alertou de que non se cumprían as condicións de seguridade para as instalacións de Farmacia, primeiro nos comités de seguridade e, ante a ausencia de actuacións por parte da Xerencia, en 2015 presentou denuncia na Inspección de Traballo.

A raíz do escrito, no que a CIG advertía das deficiencias na seguridade e nas instalacións das cabinas de elaboración dos produtos citostáticos do andar -4 do Hospital Clínico, a Inspección emitiu un primeiro requirimento no ano 2016 para que se implantaran as medidas correctoras recollidas nos informes de avaliación ao respecto da seguridade nestas zonas e dada a perigosidade dos produtos empregados.

Pero, seguindo o seu proceder habitual, "esta Xerencia non fixo nada no seu momento polo que a Inspección de Traballo elevou o requirimento a definitivo no ano 2017. A día de hoxe, e pasados xa varios anos, seguimos igual ou peor", critican.

Finalmente, hai tres anos comezaron as necesarias obras, o que levou á clausura das instalacións e ao traslado do servizo a outras dependencias "que tampouco cumpren cos estritos requirimentos de seguridade que precisa esta actividade", apunta a CIG-Saúde de Compostela.

Agora, as obras están en fase de medición de gases, mais descoñécese cando se reabrirán as dependencias nin en que condicións. Por iso, as e os delegados de prevención da CIG presentaron escrito en maio para que na xuntanza do comité de seguridade deste mes de xullo se informara sobre a apertura das novas instalacións de Farmacia, a situación das salas provisionais e se consta a preceptiva avaliación e informe.

"Nun desleixo ao que xa nos ten acostumados esta dirección, presidida por Eloína Nuñez, nese comité de seguridade a temática referente á Farmacia e ao escrito presentado pola CIG quedou sen tratar sen ofrecer ningunha explicación". Para a representación da CIG-Saúde resulta incríbel o ninguneo constante da dirección, tanto aos delegados e delegadas de prevención como ao conxunto do persoal da área sanitaria, nas cuestións relativas á prevención de riscos.

Por iso, diante da máis que previsíbel inauguración mediática que se fará das novas instalacións, denuncian que ese foto será a "foto da vergoña, xa que dende que comezaron as alertas polas eivas na seguridade xa pasaron 11 anos". Unha demora intolerábel cando estamos a falar da saúde e a seguridade das traballadores e os traballadores e de garantir un servizo esencial para o funcionamento do hospital.