A CIG-Saúde denuncia a ‘hipocrisía’ de Feixóo por demandar con 10 anos de retraso a supresión da taxa de reposición

“Se realmente quixera convocar a maior OPE da historia, terían que ser 9.951 prazas”
Nacional - 13 Feb 2020

A CIG-Saúde leva 10 anos denunciando as nefastas consecuencias da imposición dunha taxa de reposición na sanidade pública. O mesmo tempo que Feixóo leva aplicando esta taxa sen cuestionala o máis mínimo. Por iso a CIG-Saúde denuncia agora a súa hipocrisía. “Vai agora solicitar do goberno do Estado a taxa de reposición cando non o fixo durante os anos de goberno do PP en Madrid sen importarlle o dano que estaba a facer á sanidade pública e as/os profesionais que nela traballan”, denuncia María Xosé Abuín.

Lonxe disto, a secretaria nacional da CIG-Saúde afirma que “moi á contra durante estes 10 anos Feixóo e o seu goberno aproveitaron a situación para eliminar postos de traballo” e lembra que a consellaría de Sanidade, nos anos 2012 e 2013 publicou dous Planos de Ordenación de Recursos Humanos que tiñan un único obxectivo: “xubilar a todo o persoal que cumpría os 65 anos”.

No caso do persoal facultativo, “esta medida ía acompañada dunha diminución das prazas MIR que se convocaron durante estes anos”, sinala Abuín quen considera que “é isto o que explica a falta de pediatras e outros/as profesionais en Galiza”.

Cantas prazas faltan por convocar no SERGAS na Oferta de Emprego?

OFERTAS DE EMPREGO DOS ANOS  2012, 2013, 2014 e 2015.(Taxa reposición)

Ano da oferta

Prazas convocadas OPE

Nº total de vacantes

Prazas sen convocar

2012

176 prazas  (10%)

1.760 prazas

1.584 prazas

2013

287 prazas  (10%)

2.870 prazas

2.583 prazas

2014

167 prazas (10%)

1.607 prazas

1.440 prazas

2015

344 prazas  (50%)

688 prazas

344 prazas

TOTAL

974 prazas

6.925 prazas

5.951 prazas

 

Instaurados na mentira

Por iso a secretaria nacional de CIG-Saúde denuncia que tanto Feixóo, como o PP, como a consellaría de Sanidade “seguen instaurados na súa mentira e na súa falta de transparencia”. Neste sentido denuncia que se negaron a negociar na Mesa Sectorial un Plano de Ordenación de Recursos Humanos “que permita identificar as necesidades de persoal nos próximos anos atendendo ao número de xubilacións que se van producir”.

Isto, xunto a negativa reiterada a negociar un sistema identificativo de prazas “que permita coñecer con exactitude o cadro de persoal do SERGAS: persoal fixo, interino ou eventual”. Así como a situación das prazas, “o número das estruturais cubertas con persoal eventual e a necesidade de dotar con novas prazas”.

“Terían que convocar 9.951 prazas, non as 3.500 que di o conselleiro de Sanidade”

María Xosé Abuín lembra que o conselleiro de Sanidade vén de anunciar que se o goberno suprime a taxa de reposición, convocará a maior Oferta Pública de Emprego da historia no SERGAS, de 3.500 prazas. Fronte a isto, sinala que a maior oferta de prazas que houbo foi en 2008/2009, cando se convocaron 3.939 prazas, entre elas, 602 de médicas/os de familia.

A secretaria nacional de CIG-Saúde pon en evidencia ademais o baile de cifras do presidente da Xunta quen o día 29 de xaneiro, nunha primeira intervención en sede parlamentaria, asegurou que habería 2.500 profesionais máis na sanidade pública, número que aumentou na súa segunda intervención, na que xa dixo que habería máis de 4.000 e que volveu mudar o 5 de febreiro, cando afirmou que serían 3.400 profesionais máis.

Diante disto, Abuín asegura que "se realmente quixeran rematar coa taxa de reposición e a precariedade laboral terían que sumar as prazas non convocadas en aplicación desa taxa, que ascenden xa a 5.951, máis as 4.000 novas que sinalou Feixóo -que se corresponderían con profesionais que se foron contratando en precario-, o que daría nunha convocatoria de 9.951 prazas, e esa si sería a maior OPE da historia no SERGAS”.