A CIG-Saúde denuncia que o Sergas fai contratos falsos ao persoal da área sanitaria do Barco de Valdeorras

Incumpren a normativa laboral e xeran riscos aos pacientes por sobrecarga de traballo

Vigo -

A sección sindical da CIG-Saúde da área do Barco de Valdeorras vén de denunciar publicamente a actuación ilegal do Sergas na comarca en relación á contratación de persoal, “xa que están a facer contratos falsos nos que figuran como contratadas persoas que non o están nese momento e ás que se lle programa a realización de xornadas dobres en datas distintas”.

Segundo denuncian dende a central, este xeito de proceder incumpre calquera tipo de normativa laboral, “xerando un risco cara aos pacientes por sobrecarga laboral e incrementando ademais os custos precisos para a cobertura das necesidades”.

Tamén amosan a súa indignación polo feito de que continúe sen facerse efectiva a contratación dun facultativo especialista no Hospital Comarcal de Valdeorras, “cando se precisa unicamente que a xerente da área se digne a firmar a autorización”. Critican que mentres tanto aumentan as listas de agarda e os riscos sobre a poboación.

Ao mesmo tempo, critican o incumprimento sistemático das promesas e acordos recollidos en actas en relación a coberturas de substitucións de centros de saúde onde se seguen a facer contratacións a tempo parcial, ocasionando unha perigosa diminución dos recursos sanitarios, o que é especialmente grave nas areas rurais afastadas. “Ademais do incumprimento dos acordos de contratación de fisioterapeutas e TCAE no centro de saúde do Barco en quenda de tarde despois de ter eliminado esta actividade no HCV”, lembran.

Así mesmo, trasladan a súa preocupación polo futuro da sanidade pública en Valdeorras tras a publicación dunha resolución de 20 de xuño, modificada pola resolución do 15 de xullo de 2016, onde se anuncia a licitación de subministros e aparataxe de laboratorio para a realización de técnicas analíticas no HCV “e onde vemos a desaparición de múltiples probas que até agora se facían no noso centro; concretamente deixaranse de facer máis de 38.000 análises anuais no HCV”, lamentan.

Diante disto, consideran que a actual xestión da sanidade pública en Valdeorras está a ser “inadecuada, claramente economicista e privatizadora”. Ademais, acusan os representantes do Sergas de desprezar e infravalorar a sanidade ourensá e os seus profesionais “ao non acudir ás reunións cos representantes dos traballadores/as que están regulamentariamente planificadas e deixando sen apenas capacidade de xestión algunha aos actuais responsables secundarios desta área”.

Volver