A CIG seguirá loitando por un convenio TIC galego que teña en conta a situación real do sector

Rexeita os termos do acordo ao que chegaron CCOO e UGT canto a salarios, períodos de probas e carreira profesional
Nacional - 04 Dec 2017

A CIG rexeita os termos do convenio estatal de empresas de consultoría e estudos de mercado en materia de incrementos salariais, períodos de probas e carreira profesional. Ademais aposta por un convenio galego para o sector das TIC que teña en conta a situación real do sector.

A CIG, que estivo presente na mediación ante o SIMA do "Convenio estatal de Empresas de consultoría y estudios de mercado" como sindicato máis representativo, non está de acordo cos termos fixados canto a incrementos salariais,

Segundo explica Iria Salvande, da federación de Banca da CIG, “as subas contempladas, un 3% para os últimos tres meses de 2017 e incluídos os 4 primeiros de 2018 e un 2% para o resto de 2018 e todo o ano 2019, supoñen unha enorme perda de poder adquisitivo para o conxunto dos traballadores e traballadores adscritos ao convenio”.

Salvande lembra que a inflación acumulada desde 2010 -ano do último convenio en vigor- a día de hoxe chega ao 10%. Por iso entende que “os números non dan” e advirte ademais que nos 4 primeiros meses de 2018 non se producirán subas e que estas non chegarán até o mes de Abril.

A CIG discrepa tamén dos períodos de proba definidos. A este respecto Salvande sinala que aumentan considerablemente todos os tempos, “sen ningunha contraprestación por parte do empresariado” e asegura que mesmo en grupos laborais de "entrada", como pode ser o "C" ou o "D" no apartado de "Área de Consultoría, Desarrollo y Sistemas", “póñense 6 meses de proba, que para unha categoría, como insistimos, de "entrada" no mercado laboral parécenos absurdamente excesivo. En resumo, calcase o artigo 10 do convenio de 2009 aumentando os tempos de proba”.

Non favorece a carreira profesional

A central sindical considera que os grupos laborais non favorecen unha carreira profesional aos traballadores e traballadoras adscritos. “Entendemos que se no grupo E existen 3 níveis, a suba a un novo grupo levará un mínimo de 6 anos, seguramente. Circunstancia que no sector no que nos movemos, caracterizado por unha formación continua e acelerada, é absolutamente inaceptábel”.

Convenio galego

A CIG seguirá loitando por un convenio TIC galego, que reflicta a verdadeira situación do sector na Galiza, que incida no valor aportado pola clase traballadora ao conxunto das empresas de consultoría e de estudos de mercado e que forme parte dun marco galego de relacións laborais amplo e xusto.