A federación de Servizos da CIG-Ourense vén entrar por primeira vez no comité de empresa do Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, en Nogueira de Ramuín, ao lograr unha delegada nas eleccións sindicais celebradas o pasado 24 de novembro.
A CIG continúa avanzando na provincia de Ourense e ampliando a súa presenza en centros de traballo nos que até o de agora non contaba con representación sindical, como no caso do Parador de Santo Estevo, no que acadou 1 delegada nun proceso electoral no que UGT obtivo 2 representantes, CCOO 1 e CSIF 1.
Con traballo, compromiso, organización e sindicalismo de clase é posíbel romper barreiras, disputar espazos e ofrecer unha alternativa real á clase traballadora
Dende a CIG-Servizos valoran especialmente uns resultados que confirman o avance dun proxecto sindical que leva anos medrando, organizando as persoas traballadoras e conquistando representación en empresas e sectores nos que ata agora non fora posíbel.
“Conseguir representación no Parador de Santo Estevo é moito máis que sumar unha delegada. É demostrar que, con traballo, compromiso, organización e sindicalismo de clase, é posíbel romper barreiras, disputar espazos e ofrecer unha alternativa real á clase traballadora”.
Neste senso, sinalan que durante anos outros sindicatos ocuparon este espazo de representación “sen conseguir dar, en moitas ocasións, a resposta que a clase traballadora precisa e merece. A CIG chega para cambiar esa dinámica, para estar presente, para defender dereitos, para organizar e para dar a batalla ante os problemas reais do cadro de persoal”.
Ao tempo que salientan que este avance sindical que está a experimentar a central “non é casualidade, senón resultado do traballo diario, da proximidade ás persoas traballadoras, da defensa firme dos seus dereitos e dunha forma de entender o sindicalismo que non se acomoda nin se conforma”.