A CIG-Servizos de Vigo protesta polo despido de tres traballadores/as en Eroski

A central denuncia que a empresa vasca pretende precarizar as condicións laborais do persoal
Vigo - 17 Feb 2017

A federación de Servizos da CIG de Vigo desenvolveu hoxe unha concentración diante do supermercado Eroski da rúa García Barbón para rexeitar o despedimento de tres traballadores/as. Dende a central denuncian que a compañía vasca de distribución bota man da reforma laboral do PP para desfacerse dos empregados/as fixos/as para contratar persoal temporal en peores condicións.

Traballadores/as de Eroski e delegados/as da CIG-Servizos levaron a cabo este mediodía unha concentración dunha hora diante do supermercado da rúa García Barbón 54 para amosar a súa oposición ao despedimento de tres compañeiros/as que tiñan contrato indefinido e que contaban con antigüidade na empresa.

Deste xeito, entre as 12.00 e as 13.00 horas permaneceron ás portas do establecemento -onde despregaron unha faixa na que se podía ler “Eroski represión. Non máis despidos”- berrando consignas como “Despedidos/as readmisión”, “Eroski precariza o emprego na Galiza” ou “Non á represión”.

Dende a central denuncian que a dirección da compañía vasca de distribución bota man da reforma laboral aprobada polo PP para desfacerse do persoal fixo e contratar traballadores/as de xeito temporal, “aumentando así aínda máis a precariedade, pagando menos horas e cobrando salarios de miseria”.

Segundo critican, Eroski aduce causas obxectivas para levar a cabo a rescisión dos contratos “cando non existen motivos xustificados”. Ademais, censuran que a decisión se adoptase sen nin sequera ter en conta a opinión dos delegados/as da CIG no comité, “que entenden que non hai nada que xustifique a medida”. Ao mesmo tempo, sinalan que a maioría do comité -“formada por delegados/as de sindicatos amarelos”- mira cara a outro lado mentres consenten que se despida a compañeiros/as.

Entenden que unha empresa que factura millóns de euros non pode despedir deste xeito. “Temos que impedir que boten á rúa a traballadores/as que o único que fixeron toda a súa vida foi traballar para gañar o seu salario dignamente”.