A CIG urxe a aprobación do protocolo contra a violencia no Servizo de Axuda no Fogar
A CIG-Servizos insiste na necesidade de axilizar a elaboración e aprobación do protocolo de prevención e actuación ante situacións de violencia nos Servizos de Axuda no Fogar (SAF), polo que no día de onte volveu remitirlle un escrito á Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) para que convoque con urxencia a mesa de traballo sobre o documento que ten que servir para garantir a seguridade e integridade das persoas traballadoras do sector da atención domiciliaria.
A anterior comunicación da central sindical neste sentido remóntase ao pasado 22 de decembro, sen que a día de hoxe teña recibido contestación ao respecto. Dende a CIG lembran que a xuntanza do pasado 4 de novembro na FEGAMP “evidenciou o desinterese por parte da Xunta en aprobar, apoiar e poñer a disposición os recursos necesarios para elaborar un documento eficaz para a protección das persoas traballadoras”. Neste senso, denuncian que malia que o propio presidente galego anunciou varias semanas antes da reunión a existencia dun protocolo, “a realidade é que mentía, xa que o documento contiña unicamente unhas liñas de traballo para a confección dun protocolo definitivo”.
A última xuntanza evidenciou o desinterese da Xunta en aprobar, apoiar e poñer a disposición os recursos necesarios para elaborar un protocolo eficaz para a protección das persoas traballadoras
Por iso a central sindical considera que os Concellos, como responsábeis da xestión deste servizo, teñen que instar a Administración autonómica “a poñer enriba da mesa os recursos necesarios para que este protocolo se faga realidade de xeito urxente”. Ademais, a súa aprobación ten que acompañarse da negociación do convenio colectivo do sector, “xa que do contrario será papel mollado, porque o convenio ten que recoller medidas de saúde laboral, sociais e económicas que garantan que as persoas traballadoras non padezan as consecuencias cando a activación protocolo supoña por exemplo o abandono do servizo”.
Ao mesmo tempo, dende a CIG censuran que os responsábeis da FEGAMP semellen unicamente preocupados polo financiamento do SAF e non pola protección do seu persoal, “xa que aínda existindo un problema económico, as persoas traballadoras seguen a prestar o servizo en condicións de risco, sen garantías de protección para o desenvolvemento do seu labor”.
Finalmente, lembran que central sindical entregou o pasado 4 de novembro unha serie de propostas para que fosen trasladadas ao Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galiza (ISSGA) co obxectivo de incorporalas ao documento final, “pero despois de máis de dous meses seguimos sen noticias da mesa de traballo, polo que instamos a que se fagan as xestións pertinentes para convocala o máis axiña posible”.