A CIG esíxelle ao novo Goberno un calendario para a derrogación inmediata das reformas antiobreiras

A central sindical vén de solicitar unha xuntanza coa ministra de Traballo
Nacional - 12 Xun 2018

A CIG vén de solicitar por rexistro unha reunión coa ministra de Traballo, Magdalena Valerio, para trasladarlle as propostas da central sindical en materia laboral e social de cara á nova lexislatura. A CIG defende a necesidade de non demorar nin un só minuto a posta en marcha de iniciativas para recuperar os dereitos roubados á clase traballadora, frear o recorte de liberdades fundamentais e dar un xiro radical as políticas neoliberais "que nos levaron a que hoxe en día ter un traballo ou unha pensión non garantan vivir en condicións dignas".

As portas da Delegación do Goberno, institución na que se rexistrou o escrito, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, denunciou a situación de empobrecemento xeneralizado e precarización á que nos conduciron todas esas políticas, e que non se reverterá mentres non se derroguen as reformas laborais, da negociación colectiva e das pensións. "O cambio de Goberno ten que levar aparellado un cambio non só de persoas, senón tamén das políticas. Dende a CIG esiximos un calendario inmediato para derrogar todas as reformas que saquean e rouban ao conxunto do pobo galego e da clase traballadora. E nesa xuntanza buscaremos que a ministra atenda as nosas demandas", destacou.

A CIG continúa coa mobilización

A este respecto, Carril engadiu, que a central sindical traslada esa solicitude facendo valer toda a forza acumulada no intenso proceso mobilizador desenvolvido dende o pasado ano. En todo caso, advertiu que a central sindical non vai agardar de brazos cruzados por eses cambios, "senón que sairemos á rúa a buscalos, como sempre fixemos". De aí que, malia a suspensión da folga xeral tras a mudanza no escenario político, a CIG manteña para a data do 19 de xuño unha xornada nacional de mobilizacións con manifestacións en todas as comarcas, baixo o lema "Xa é hora de recuperar os nosos dereitos".

O secretario xeral insistiu en que a CIG retomará a convocatoria de folga se nos próximos meses o novo Goberno do PSOE, e a correlación de forzas políticas que o fixo posíbel, non efectivizan o calendario para anular todas as reformas "que nos levan a unha situación social sen saída". "Na CIG acreditamos en que a mobilización social é a que vai conseguir a posta en marcha de políticas alternativas e que o goberno faga reais eses cambios", aseverou.

Derrogación inmediata das reformas

Sobre as propostas que a central sindical trasladará a ministra, Carril reiterou a necesidade inmediata de derrogar a reformas laborais -iniciadas en 2010 co goberno de Zapatero e que en 2012 o PP multiplicou nos seus efectos devastadores-; a derrogación das reformas das pensións de 2011 e 2013; conseguir avances reais nos dereitos das mulleres; rematar coas privatizacións dos servizos públicos; ou reverter o retroceso nas liberdades e dereitos fundamentais.

"De igual maneira que houbo unha concertación para dar fin a un Goberno que institucionalizou a corrupción como grao máximo do roubo feito a clase traballadora baixo escusa da crise, ten que ser igual de inmediata unha actuación que nos próximos meses faga posíbel a recuperación dos nosos dereitos. Mais no pouco que levamos con este Goberno xa fartamos de ver que se acumulan xestos e anuncios, pero que non se toman medidas firmes nin decisivas neste camiño", denunciou.

Respecto á pluralidade sindical

O secretario xeral espera que dende o Ministerio de Traballo se atenda a petición de xuntanza cursada pola CIG, na súa calidade de organización sindical máis representativa en Galiza. Neste senso agarda que "tamén nas formas, o novo Goberno respecte a pluralidade sindical que existe no estado español e que non se reduce só a UGT e CCOO". Subliñou Carril que hai outras centrais sindicais que representan a centos de miles de traballadoras e traballadores "e que polo tanto tamén deben ser escoitadas e debe poder existir unha interlocución institucional normalizada que non se limite ao diálogo social".