A CIG solicitará á Delegación que investigue o exceso de peso das ambulancias en todas as empresas do sector

Pide a intervención do SERGAS para garantir a prestación do servizo
Nacional - 11 Ago 2017

A CIG vai presentar denuncia na Delegación do Goberno solicitando que promova unha investigación no conxunto dos sector de ambulancias para determinar cales exceden o peso máximo autorizado, ao entender que esta ilegalidade pon en risco a seguridade dos traballadores/as e dos usuarios/as. Con esta medida, explica o responsábel de Transportes, Xesús Pastoriza, a central sindical quere que se amplíe a todo o sector a investigación xudicial aberta a determinadas empresas que prestan servizos para o 061 e nas que se ten detectado que hai  vehículos que superan o peso permitido.

As ambulancias que infrinxen a normativa de tráfico son paralizadas pola Garda Civil e fican inoperativas, polo que o servizo de transporte sanitario nas zonas afectadas vese recortado ao contar con menos dispositivos.

Por iso, dende a FGAMT-CIG tamén se pide a intervención inmediata do SERGAS "para que esixa ás empresas de ambulancias investigadas que cumpran as condicións que marca o prego e se garanta que o servizo que se presta á cidadanía é o adecuado".

Máxime, apunta Pastoriza, cando hai uns meses xa se detectou un problema similar con ambulancias UVI, que tiveron que ser retiradas e reformadas para cumprir coa normativa en vigor.