A CIG subscribe a iniciativa “Mulleres rumbo a Gaza”

No marco da Coalición Internacional Flotilla da Liberdade, busca destacar o contributo das mulleres palestinas á loita pola liberación do seu pobo
A Coruña - 07 Mar 2016
A CIG apoia a campaña "Mulleres rumbo a Gaza", unha iniciativa que se desenvolve no marco da Coalición Internacional da Flotilla da Liberdade, e a través da que se quere levar a solidariedade ao pobo palestino e denunciar o ilegal bloqueo israelí imposto á Franxa de Gaza. Cun barco tripulado por mulleres de todo o mundo, esta iniciativa pretende destacar o contributo das mulleres palestinas á loita pola liberación do seu pobo.

Na última década baixo o bloqueo israelí, a Franxa de Gaza sufriu dúas brutais guerras e un número incontábel de incursións. Porén o pobo de Gaza continúa firme na súa resistencia á ocupación. Neste loita contra a política xenocida de Israel, as mulleres palestinas teñen sido centrais.

Na franxa de Gaza hai máis de 1.8 millóns de persoas sometidas ao cruel asedio do exército israelí, nun territorio que non supera os 360km2. A última gran ofensiva militar de Israel contra Gaza, no verán de 2014, deixou máis de 2.000 persoas mortas, das que 500 eran menores.

Iniciativas como esta son unha denuncia ante a inacción da comunidade internacional diante deste sufrimento, mais tamén unha chamada á solidariedade coa resistencia palestina fronte á ocupación, o bloqueo e a sistemática vulneración dos dereitos do pobo palestino.

A CIG, organización sindical de ámbito nacional de Galiza, defende o dereito de autodeterminación para o Pobo Galego. Coherentes con este principio político, a nosa central sindical apoia decididamente as loitas daqueles pobos  que dentro do Estado español, ou fóra del, están orientadas a facer efectivo o dereito de autodeterminación con todas as consecuencias, incluído a creación de un estado propio e soberano.

Máis información sobre a iniciativa nesta ligazón: Campaña 2016. Mulleres rumbo a Gaza