A CIG suma dous novos/as delegados/as en Ence ao empatar con CCOO como forza máis votada

A UGT perde tres representantes no comité da compañía pontevedresa

Pontevedra -

A CIG sumou dous novos/as delegados/as no comité de empresa de Ence en Pontevedra ao empatar con CCOO como forza máis votada nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar. Deste xeito a central contará cun total de cinco representantes, mentres que a UGT perde tres e CCOO medra unicamente un.

Tras o proceso electoral celebrado onte na empresa Ence (Energía y Celulosa) o comité queda integrado por cinco representantes da CIG, outros cinco de CCOO e tres da UGT. Por colexios, a central nacionalista logrou tres no de especialistas e non cualificados/as e dous no de técnicos/as e administrativos/as; COO obtivo o mesmo resultado; mentres que a UGT fíxose con dous delegados/as no de técnicos/as e administrativos/as e un no de especialistas e non cualificados/as. 

Dende a sección sindical agradecen o apoio colleitado entre o persoal

Este resultado foi posíbel xa que a CIG aumentou considerablemente os seus apoios con respecto ás anteriores eleccións, até situarse como principal forza empatada a 82 votos con CCOO. Pola súa banda, a UGT obtivo 63 apoios entre un cadro de persoal integrado por máis de 250 traballadores/as.

No anterior proceso electoral (que se celebrou en 2014 para escoller un comité de nove representantes e posteriormente en 2015 para escoller un comité de 13) a CIG obtivera un total de tres delegados/as, CCOO catro e UGT seis.

Dende a sección sindical da CIG en Ence agradecen o importante apoio colleitado entre o cadro de persoal da pasteira e anuncian que nos vindeiros dúas manterán unha xuntanza para abordar as liñas básicas que orientarán o seu traballo nos vindeiros anos co obxectivo de defender os dereitos laborais do conxunto dos traballadores/as.

Volver