A CIG súmase á campaña para esixir a liberdade do ex presidente brasileiro Lula

Entregou un escrito na delegación do Goberno na Coruña instándoo a reclamar a anulación da condena
Nacional - 13 Ago 2018

A CIG vén de sumarse á campaña internacional para esixir a posta en liberdade do ex presidente do Brasil Luiz Inácio Lula da Silva, en prisión dende hai case catro meses, cun acto simbólico de apoio que tivo lugar hoxe na Coruña durante a entrega na delegación do Goberno español dun escrito na que se insta o Executivo de Pedro Sánchez a dirixirse ao Goberno brasileiro <<para que se faga xustiza e se poña en liberdade a Lula, e para que se proceda a anular a arbitraria sentenza condenatoria que lle foi imposta>>.

No escrito, que foi entregado polo secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e polo responsábel do departamento de Internacional, Xosé Lois Rivera, a central sostén que queda moi claro, segundo a opinión de múltiples xuristas e personalidades da política de todo o mundo, <<a flagrante inconstitucionalidade da prisión e a inconsistencia da súa condena, tanto dende o punto de vista xurídico como da inexistencia de probas da súa culpabilidade>>.

Para a CIG, a prisión apresurada do ex presidente cáusalle un grave dano á Constitución Brasileira, que contempla que calquera persoa debe ser considerada inocente até que non sexa xulgada e non se tramite a sentenza. O disposto no Inciso LVII do Art. 5 da Lei Maior é orientativo, <<e só a mala intención dunha interpretación parcial e interesada podería prever a posibilidade de anticipación da pena, atentando contra o principio de presunción de inocencia, tan importante para as loitas democráticas dese país e da civilización en xeral>>.

Ao mesmo tempo, considera que quedará tamén cuestionado o réxime xurídico internacional se os países autodenominados democráticos e de dereito, como o Estado español, gardan silencio diante dun atentado ao dereito <<tan escandaloso>>.

Por iso advirte que mentres esta situación non mude, a xustiza brasileira quedará irremediabelmente exposta como xustiza política, carente de seriedade e rigor, e entrará na historia como protagonista <<dun dos máis vergoñentos episodios>> da vida pública das democracias.

A súa candidatura segue firme

Ao mesmo tempo, lembra que a candidatura do ex presidente Lula á Presidencia do país segue firme e non continuará a lóxica de quen maltrata a Constitución e o Dereito internacional. <<Cúmprelle ao STF e ao STJ do Brasil, como gardadores da orde xurídica, garantir a igualdade de condicións para que poida disputar o mandato de xeito limpo e democrático. E cúmprelle ao Estado español facer un chamamento para que se cumpran estas condicións>>, indica.

Finalmente, asegura que a liberdade e absolución de Lula é o que a cidadanía agarda da cúpula do poder xurídico do Brasil neste difícil momento da súa vida política, considerando que é deber das autoridades brasileiras levar a cabo este imperativo histórico. <<E o do Goberno español estar a carón das maiorías sociais dese país e pedir que se respecten os seus dereitos colectivos e o dereito individual de Lula>>.

Ademais de ao Goberno español, a CIG tamén lle remitiu escritos cos mesmas reivindicacións tanto ao embaixador brasileiro no Estado español como aos principais responsábeis políticos e xudiciais do Brasil.