A CIG súmase á xornada europea de loita contra os tratados de libre comercio

Hai convocada unha concentración o sábado no Marco de Vigo ás 12.00h
Vigo - 19 Xan 2017

A CIG participará activamente na xornada europea de loita convocada este sábado 21 en rexeitamento dos tratados de libre comercio, que nesta ocasión estará centrada no CETA entre a Unión Europea e o Canadá. A mobilización, que se desenvolverá diante do Marco de Vigo ás 12.00 horas, está promovida pola plataforma 'Non ao TTIP Galiza', que agrupa a máis de medio cento de organizacións sindicais, políticas e sociais.

A concentración que se celebrará o sábado en Vigo fai parte do día europeo de accións descentralizadas contra o Tratado Económico e Comercial entre a Unión Europea e Canadá (CETA polas súas siglas en inglés), que se atopa na fase final do seu proceso de ratificación. O vindeiro martes 24 de xaneiro será votado na Comisión de Comercio Internacional (INTA) do Parlamento europeo e en febreiro terá lugar a votación final antes da súa entrada en vigor, polo que con esta campaña preténdese incidir no resultado da consulta.

Dende os colectivos promotores lembran que o CETA foi cuestionado por amplos sectores da sociedade civil, tanto na Unión Europea como en Canadá, por non ofrecer garantías respecto da protección do medio ambiente e dos dereitos fundamentais das persoas. Na Unión Europea, máis de 3,5 millóns de persoas asinaron unha petición en contra do CETA e o seu tratado xemelgo, o TTIP, que negocian os Estados Unidos e a Unión Europea.