A CIG tilda de "cacicada" a adxudicación dunha praza dunha materia que non se imparte na Escola de Restauración de Pontevedra

Dende a central aseguran que todo indica que foi creada pola Consellaría de Educación para unha persoa en concreto
Vigo - 07 Abr 2016
A federación de Ensino da CIG e Pontevedra vén de denunciar publicamente en rolda de prensa a adxudicación “irregular e fraudulenta” dunha praza dunha especialidade que nin se imparte nin se vai impartir na Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galiza, con sede na cidade. A central nacionalista considera que se trata dunha nova “cacicada” da Consellaría de Educación xa que “todo indica que é unha praza creada para unha persoa en concreto que ademais non se vai incorporar aínda”.

O secretario comarcal da CIG-Ensino Pontevedra, Xacobe Rodríguez, xunto co portavoz do profesorado da Escola de Restauración, Fernando Carrera, e unha representación de profesores/as e alumnos/as do centro, compareceu en rolda de prensa para denunciar publicamente a “adxudicación irregular e fraudulenta” dunha praza dunha especialidade que nin se imparte nin se vai impartir na escola: Conservación e Restauración de Documento Gráfico en Papel.

O responsábel sindical sinalou que na resolución provisional do Concurso Xeral de Traslados publicada o xoves 10 de marzo sae outorgada esta vacante e lembrou que a escola imparte actualmente tres especialidades, “mais ningunha delas é a citada”.

Diante disto, reclamou que se revise o caso e non desbotou a posibilidade de acudir aos Xulgados, xa que “está claro que estamos diante dunha nova cacicada da Consellaría de Educación, que inventa unha praza a medida para unha persoa en concreto que ademais non se vai incorporar aínda”.

Rodríguez aclarou que esta vacante non foi solicitada nin pola escola nin polo inspector asignado “porque o centro non necesita este perfil, posto que esta especialidade non se imparte nesa escola”.

Adxudicación non motivada

Ao mesmo tempo, revelou que na Mesa Sectorial do pasado 15 de marzo a Consellaría de Educación recoñeceu que non tiña intención de implantar esta especialidade escola. “Estamos, por tanto, ante unha adxudicación non motivada e ad hoc, xa que non ten xustificación nin soporte legal que se adxudique unha praza dunha especialidade inexistente no centro; en todo caso, antes de ofertala, habería que ofertar a especialidade no centro”.

Neste senso, asegurou que esta mesma persoa xa fora introducida irregularmente nas listaxes de interinos/as en 2013, malia ser funcionaria de carreira en Asturies. “Actualmente ocupa un posto directivo de libre designación no Museo Pedagóxico de Galiza”, inducou.

A CIG-Ensino xa trasladou o tema á Mesa Sectorial sen conseguir que a Administración dese marcha atrás “a pesar de recoñecer os feitos” e tamén presentou a correspondente reclamación diante da xefatura territorial de Educación en Pontevedra e do conselleiro en Santiago. Ademais, solicitou o acceso á documentación do expediente e aos informes da inspección educativa que aconsellaron ou desaconsellaron a creación da praza “sen que até o de agora obtiveramos resposta”.