A CIG toma as obras de ampliación da ponte de Rande para denunciar explotación e fraude

Nesta obra pública fanse xornadas de 10-12 horas a 60 metros de altura por sete euros a hora
Vigo/Pontevedra - 20 Xun 2017

A CIG desenvolveu hoxe unha acción conxunta para denunciar as condicións laborais de explotación que padecen os operarios/as que traballan na ampliación da ponte de Rande, obra pública que acomete a UTE Dragados-Puentes. Coa ocupación dun dos carrís en construción, a central quere poñer de manifesto que se están a facer xornadas de 10-12 horas a 60 metros de altura e a pleno sol por sete euros a hora, incluíndo todos os conceptos salariais, ademais da fraude á Seguridade Social e a Facenda que supón que non se computen todas as horas traballadas.

As federacións de Construción e de Industria, cos seus secretarios nacionais, Xosé Xoán Melón e Xoán Xosé Bouzas, Tupi, á cabeza, foron as encargadas de coordinar a toma simbólica das obras, na que participaron unhas 200 persoas, entre elas o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, os secretarios comarcais de Vigo e Pontevedra, Alberto Gonçalves e Marcos Conde.

Na acción, que se desenvolveu na banda de Moaña e durou pouco máis dunha hora, tamén tomaron parte traballadores/as e delegados/as sindicais de Vigo, Pontevedra, A Coruña, Santiago, Ourense e Ferrol. Ao pouco de acceder a un dos carrís en construción, representantes da UTE formada por Dragados e Grupo Puentes puxéronse en contacto con responsábeis da CIG para fixar unha xuntanza na que analizar a problemática laboral que se vive nos traballos de ampliación da ponte de Rande, obra que depende do Ministerio de Fomento.

Está previsto que a reunión teña lugar a vindeira semana, e aínda que non se fixou unha data concreta a central propuxo que teña lugar o vindeiro martes. Nesa xuntanza a CIG porá enriba da mesa as condicións laborais dos operarios/as que traballan na ponte. En concreto, as xornadas excesivas de entre 10 e 12 horas nunhas condicións que supoñen un perigo para a súa integridade: nalgúns casos a 60 metros de altura e a pleno sol. “E todo isto con salarios de sete euros a hora, -incluíndo vacacións, indemnizacións, liquidacións e pagas extra-, moi por debaixo das táboas que marca o convenio colectivo”, denuncian. Ademais, advertirán sobre a importante fraude á Seguridade Social e a Facenda que se está a cometer. “Os soldos calcúlanse por horas a pesar de non estar permitido, e non se computan todas as horas que se fan”.

Cumprimento da legalidade

Neste senso, critican que tanto a Administración pública como a autoridade laboral son coñecedoras desta situación, “mais non toman medidas ao respecto”, polo que lamentan o desamparo que vive o persoal que está a realizar as obras dunha concesión pública e sinalan que debera ser un exemplo de cumprimento da legalidade, “pero é todo o contrario”.

Ao mesmo tempo, censuraron que ás compañías non lles importe ter aos empregados/as traballando tantas horas a 60 metros de altura “co risco que iso supón para a súa seguridade”. Ao que hai que sumar que o Ministerio de Fomento está a urxir para que as obras rematen canto antes. “Se teñen présa, en lugar de someter os operarios/as a xornadas tan excesivas o que teñen que facer é contratar máis persoal”.

Lembraron que nestas obras creouse una comisión de control das condicións laborais e dos horarios, unha figura que deu certos resultados na construción do hospital de Vigo, pero no caso da ponte de Rande “axiña se viu que non había boa fe por parte da empresa, que non ten interese en arranxar os problemas”.

E iso a pesar de que, tal e como sinalaron, as condicións de traballo dos arredor de 300 traballadores/as da UTE están cada vez máis deterioradas e precarizadas. Finalmente reclamaron a actuación da Inspección de Traballo, xa que aínda que a lei actual permite que os excesos de xornada se compensen con días libres nun prazo de catro meses, “o certo é que non se comproba, e en todo caso a compensación chegaría cos contratos xa finalizados”.