A CIG leva este xoves a Ourense a campaña en defensa da automoción

A federación de Industria convoca manifestación no polígono de Pereiro de Aguiar ás 10:30 horas
Ourense - 20 Nov 2019

A CIG-Industria trasladará este xoves 21 a Ourense a campaña de información e mobilización en defensa da automoción, un sector ameazado pola deslocalización e no que non para de medrar a precariedade laboral. Responsábeis da federación presentaron hoxe en rolda de prensa unha manifestación que terá lugar no polígono de Pereiro de Aguiar ás 10:30 horas para reclamar políticas públicas que garantan o futuro da industria galega do automóbil ante a transformación que atravesa pola chegada de novas tecnoloxías e a aprobación da lei de cambio climático e transición enerxética.

A CIG-Industria está a desenvolver dende o mes de xaneiro unha intensa campaña de información, mobilización e acción institucional arredor da industria galega do automóbil. Ademais das protestas en Vigo e no Porriño, onde se localizan as principais empresas da automoción, en febreiro mantivo xuntanzas con todos os grupos políticos con representación no Prlamento gaelgo e presentou mocións nos Concellos que acollen compañías do sector.

Nesta ocasión decidiu trasladar as mobilizacións a Ourense, xa que a industria do automóbil ten un importante peso na economía da provincia e emprega arredor de 2000 persoas nos catro polígonos industriais que acollen a maioría das compañías do sector (San Cibrao das Viñas, Pereiro de Aguiar, Allariz e Ribadavia).

A central aproveitará a mobilización para denunciar a falta dunha política para o sector por parte da Xunta que free o seu esmorecemento progresivo, xa que as principais compañías optan por instalarse en solo portugués. De feito, só no último ano a contratación na automoción caeu un 26,7%. Dende a CIG-Industria lembran que dende o inicio da crise económica ningunha empresa da automoción se instalou en Galiza, “e as que quedan están a reducir o seu cadro de persoal e a precarizar aínda máis as condicións laborais”.

Mentres, Portugal segue a incrementar a súa capacidade produtiva atraendo novas empresas do sector. Recentemente anunciábase a chegada dunha nova compañía dedicada á fabricación de vehículos, polo que xa son cinco as instaladas en solo portugués nos últimos anos. Mesmo empresas de capital galego están a optar por investir no país veciño como consecuencia da política de captación de investimentos planificada polo Goberno portugués. 

O sector do automóbil emprega unhas 2000 persoas nos catro polígonos industriais ourensáns

Dende a CIG ven con preocupación o desleixo do Goberno galego á hora de aplicar políticas que permitan atraer empresas e a falta de planificación que padece o sector industrial, sen unha política propia que atende as necesidades e peculiaridades do país. “Por iso insistimos na necesidade de impulsar un plan galego para a industria da automoción, entre outras medidas que vimos reclamando, coma unha aposta clara pola formación e non por afondar na precarización laboral”.

Para isto é necesario un enfoque cara a fabricación de produtos de alto valor engadido fronte aos vehículos low cost, así como implementar unha tarifa eléctrica bonificada á que se poidan acoller á empresa, tendo en conta que Galiza unha das principais produtoras de enerxía do Estado.

Entenden que só deste xeito se poderá frear a constante perda emprego de crecente precarización, xa que non hai que esquecer que a contratación no sector da automoción caeu un 26,7% no último ano no noso país, sendo o sector que experimentou un maior descenso.

“A Xunta non pode seguir a xogar un papel irrelevante nunha industria estratéxica para Galiza, facendo unicamente de correa de transmisión das políticas que impón PSA Citroën, polo que se fai imprescindíbel unha planificación axeitada e unha política industrial que garanta a supervivencia dun sector cunha importante incidencia na economía galega e fundamental en comarcas como a de Vigo”, rematan.

Principais propostas

A CIG recolleu nun documento unha serie de propostas para afrontar o futuro do sector galego do automóbil ante a transformación que está a experimentar como consecuencia da aplicación de novas tecnoloxías e da crise dos motores diésel derivada da aprobación da lei de cambio climático transición enerxética.

A central considera fundamental apostar por vehículos menos contaminantes (híbridos, eléctricos e híbridos a gas); así como polo coche autónomo, de alto valor engadido, e no que a industria galega está a quedar nunha posición moi feble a respecto doutros países. “É necesario que a Xunta faga pública as axudas públicas a este proxecto, e que cantidade delas quedan aquí ou se invisten en Portugal, país que si está a apostar estratexicamente polo coche autónomo”. 

A central elaborou un documento que recolle unha serie de propostas para a industria galega do automóbil

“É fundamental fabricar vehículos de alto valor engadido e non de produtos de baixo custe, xa que isto obriga as empresas a competir entre elas para ver quen fabrica máis barato, precarizando as condicións laborais, para poder así posicionarse no mercado”, indicou.

Entre as medidas que permitirían camiñar cara a unha industria da automoción “forte e consolidada” salientou a elaboración unha estratexia galega de sector que permita afrontar os retos derivados da aprobación da lei de cambio climático e transición enerxética, que suporá a desaparición dos motores diésel; contar cunha política enerxética de país que reduza os custes e permita maior competitividade mediante unha tarifa eléctrica propia; implementar un plan de rexuvenecemento dos cadros de persoal para garantir o relevo no sector; e adaptar a formación profesional pública á nova realidade tecnolóxica derivada da coñecida como industria 4.0 ou cuarta revolución industrial.

Por último, indicou que o documento inclúe tamén unha serie de propostas sectoriais, como a creación dunha mesa galega do automóbil integrada polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), as centrais sindicais e as tres universidades; o compromiso de todo o sector de non afondar na precariedade laboral, non abusando da contratación por ETT, multiservizos ou centros especiais de emprego; a aplicación do convenio sectorial ou da empresa principal a todos os traballadores/as do sector; e impulsar un plan galego para a automoción no que se recollan medidas de apoio a I+D+i, especialización para a produción de vehículos de alto valor engadido e optimización de procesos produtivos, “pulando polo aproveitamento das sinerxías entre as factorías principais e a industria secundaria”.