A CIG traslada o apoio aos e ás activistas denunciadas por defender os dereitos do pobo palestino

A central chama a mobilizarse na defensa dos dereitos fundamentais como o de liberdade de expresión
Nacional - 15 Xan 2019

A CIG quere trasladar a súa solidariedade coas compañeiras e compañeiros da IAC e coas/os activistas sociais que se enfrontan a unha petición de penas de catro anos de cárcere e inhabilitación por defender os dereitos do pobo palestino. A central sindical fai un chamamento a mobilizarse na defensa dos dereitos fundamentais e a apoiar a campaña posta en marcha polo colectivo pola liberdade de expresión e contra a criminalización da solidariedade con Palestina.

Activistas de diversos ámbitos, comprometidos/as na loita solidaria co pobo palestino, están denunciadas por un particular nun proceso penal en relación ao debate xurdido en agosto de 2015 durante o festival de música reagee Rototom Sunsplash de Benicàssim. Estes/as activistas pedíronlle ao festival que cancelara o convite a un artista israelí que ten xustificado publicamente crimes de guerra e violacións graves dos dereitos humanos contra o pobo palestino, que ten incitado ao odio racial, que nega a existencia do pobo palestino e que ten conexións documentadas con grupos fundamentalistas extremistas e violentos.

"Consideramos que calquera persoa -independentemente da súa identidade- que defenda e/ou colabore con este tipo de delitos extremistas, racistas e violentos non é coherente cun festival, como o Rototom Sunsplash, que ten unha longa historiade compromiso coa paz e os dereitos humanos", explican nun comunicado.

Toda a campaña, enmarcada nos accións do movemento Boicot, Desinvestimento e Sancións (BDS), para convencer ao festival de cancelar a invitación deste artista foi realizada a través de canles públicos como twitter, en exercicio da liberdade de expresión e de acción política lexítima e non violenta. Cómpre lembrar ademais, que no verán de 2014, o ano anterior, Israel bombardeara intensamente Gaza, asasinando a máis de 2.100 persoas (incluíndo máis de 500 nenas e nenos).

Por iso, entenden que estas "falsas acusacións contra nós forman parte dunha estratexia moito máis ampla, financiada e dirixida por Israel e os seus grupos de presión, para criminalizar as campañas pacíficas e de apoio aos dereitos humanos do pobo palestino e, en particular, contra o movemento do Boicot, Desinvestimento e Sancións (BDS) pola liberdade palestina, a xustiza e a igualdade".

Máis información en: https://defensemddhh.wordpress.com/