A CIG traslada a súa solidariedade co pobo cubano e pide a fin do bloqueo imposto polos EEUU

A Asemblea Xeral da ONU votará o día 31 de outubro unha resolución sobre o levantamento do embargo
Internacional - 29 Out 2018

Diante da presentación nos vindeiros días, por 27ª ocasión consecutiva, na Asemblea Xeral das Nacións Unidas, do informe de Cuba en contra do bloqueo económico, financeiro e comercial que lles segue impoñendo de xeito unilateral o Goberno dos Estados Unidos, a CIG traslada toda a súa solidariedade co pobo cubano e condena esta política de inxerencia inxusta, cruel, xenocida, imperialista e de violación dos dereitos humanos. Unha política moi habitual na estratexia internacional dos EEUU e que está amparada por outros estados aliados, entre eles os da propia UE e o Estado español.

Este bloqueo impide  elevar plenamente os niveis de produción, os servizos, e acadar un desenvolvemento próspero e sostíbel do pobo cubano. Dende a central sindical faise un chamamento a manifestarse e loitar contra esta e outras inxustizas que se cometen no mundo, a mans do imperialismo e na defensa dos intereses do capital transnacional.

Os danos acumulados polo bloqueo durante case seis décadas de aplicación acadan a cifra de 933.678 millóns de dólares, tomando en conta a depreciación do dólar fronte ao valor do ouro no mercado internacional. A prezos correntes, o bloqueo ten provocado prexuízos cuantificábeis por máis de cento trinta e catro mil catrocentos noventa e nove millóns oitocentos mil dólares.

Violación dos dereitos humanos

Segundo trasladan os compañeiros e compañeiras da CTC, os/as traballadores/as cubanos/as consideran que o bloqueo constitúe unha violación dos dereitos humanos e o principal obstáculo para o seu desenvolvemento, e na súa condición de creadores/as das riquezas, seguirán adiante na busca de solucións ás dificultades,“até converter cada centro e posto de traballo en bastión  inexpugnábel que, aínda nas circunstancias máis adversas, seguirá cumprindo co seu deber internacionalista,  e berrando a súa voz na defensa da xustiza en calquera lugar do mundo”.

Coa chegada do presidente Donald Trump, Estados Unidos retomou a estratexia de recruecemento do bloqueo e incrementou a presión contra Cuba, aspectos que demostran a hostilidade da súa política. Por esa razón debemos condenar a guerra económica que se lle está a facer e pedimos o cese do bloqueo por parte dos gobernos que o levan a cabo, a non inxerencia nos asuntos internos de Cuba e as políticas que os seus gobernos decidan aplicar, e que se permita o seu normal desenvolvemento económico, poñendo fin ao seu sufrimento e padecemento de necesidades por causas alleas aos seus propios recursos.

Pedimos aos e ás representantes nas Nacións Unidas que, dunha vez por todas, voten xa contra o bloqueo a Cuba.