A CIG traslada ao embaixador de Cuba, Marcelino Medina, a súa solidariedade e compromiso contra o bloqueo

Internacional - 02 Xun 2023

Unha representación da Executiva da CIG, encabezada polo secretario xeral, Paulo Carril, recibiu este xoves ao embaixador de Cuba, Marcelino Medina, e a cónsul de Cuba na Galiza, Ingrid Izquierdo. Ambas as delegacións celebraron un encontro no que desde a central sindical se trasladou o compromiso de seguir demandando o levantamento do bloque e manter as históricas relacións de solidariedade do sindicato.

A xuntanza arrincou lembrando os vínculos tradicionais que teñen Cuba e Galiza, non só polo parentesco da familia de Fidel Castro co noso país, senón tamén polo que supuxo a emigración galega na illa, moita que aínda segue alí e que mesmo participou na revolución.

Carril e Medina aproveitaron o encontro para intercambiar impresións respecto do actual contexto internacional e coincidiron na análise da preocupante situación política e económica mundial, nomeadamente co perigo que representa o ascenso dos fascismos a un e outro lado do Atlántico e o seguidismo da Unión Europea respecto dos EEUU.

Bloqueo xenocida

Ademais, Marcelino Medina explicou os problemas aos que ten que se enfrontar Cuba por mor do bloqueo e os impedimentos que, a consecuencia deste, teñen para conseguir subministracións. Segundo explicou teñen que pagar un custo máis elevado polos produtos, ao ter que recibilos a través de intermediarios, xa que as empresas que comercian coa illa reciben sancións.

Do meso xeito, o bloqueo tamén complica as operacións bancarias, porque os bancos bloquean as contas o que obstaculiza realizar operacións con eles.

Atendendo a isto, Medina apuntou as dificultades ás que teñen que facer fronte para recuperar o país contando cunha situación que parece que non dá rematado. Unha situación diante da que manifestou a firme vontade do pobo cubano a resistir, non deixarse dobregar e manter íntegra a súa soberanía fronte o imperialismo.

Relacións históricas

Pola súa banda o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, lembrou que a CIG leva tempo colaborando con Cuba, nomeadamente coa CTC, tanto a nivel material, con cooperación e con proxectos desenvoltos na illa, como a nivel político e institucional.

Neste sentido, trasladou a solidariedade da central sindical coa súa causa e manifestou o compromiso da CIG, que seguirá apoiando todas as plataformas, movementos ou accións que vaian na liña de pedir o levantamento do bloqueo e a decisión adoptada por EEUU de declaralos colaboradores co terrorismo.

Xunto a isto o secretario xeral da CIG comprometeuse a manter esta colaboración no futuro, mesmo na xuntanza da OIT que se vai celebrar nos próximos días, nas que se tratará de promover unha resolución con todas as organizacións sindicais que queiran asinar pedindo a fin do bloqueo e desta declaración.