A CIG-Vigo presenta un informe sobre a situación laboral e social da comarca que desmonta a propaganda da recuperación económica

A central tamén anunciou as mobilizacións que desenvolverá na cidade con motivo do Día da Clase Obreira Galega
Vigo - 04 Mar 2016
A Unión Comarcal da CIG de Vigo presentou hoxe un informe sobre a situación laboral, produtiva e social da bisbarra que desmonta a propaganda oficial que fala da recuperación económica. Os responsábeis da central aproveitaron a comparecencia diante dos medios para anunciar tamén as mobilización que se desenvlverán na cidade para conmemorar o 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega.

Os secretarios comarcal e de organización da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves e Anxo Igrexas, ofreceron unha rolda de prensa esta mañá para presentar un informe elaborado pola central no que se recollen datos sobre a situación laboral e social da bisbarra que contradín os anuncios oficias da recuperación económica.

Un dos indicadores que determinan que a tendencia segue a ser negativa é o da poboación ocupada, que continúa a descender ano tras ano. En 2015 fíxoo en 2700 persoas, mais na actualidade atopámonos con que o número de ocupados/as na cidade é un 12,24% menor que en 2009.

A baixada da poboación activa tamén reflicte a ausencia de oportunidades laborais, que no caso de Vigo foi de 7800 persoas en 2015. Porén, a poboación inactiva só aumentou en 4300, o que vén a conformar que continúa a vaga de emigración forzosa en busca de futuro laboral. Tamén é especialmente alarmante a elevada porcentaxe que dentro do colectivo de desempregados/as representan os parados/as de longa duración (o 32,72% das persoas que figuraban como desempregadas en 2014 -último dato dispoñíbel- levaban no paro máis de dous anos). Isto significa, en palabras do secretario comarcal, “que o desemprego se cronifica”.

Gonçalves incidiu tamén no proceso de desertización industrial que se está a producir dende hai anos na bisbarra, con peche de empresas e redución da diversidade produtiva, e denunciou a ausencia de políticas económicas, laborais e sociais que permitan confrontar as causas estruturais que provocan esta grave situación.

Este panorama, que foi cualificado como “dramático” polos responsábeis sindicais, deixa a comarca nunha situación de emerxencia social e a milleiros de familias en risco de empobrecemento. En 2015 eran 18000 as familias, só na cidade de Vigo, con condicións socioeconómicas por debaixo do limiar da pobreza. Ao mesmo tempo, o número de persoas en risco de exclusión social elévase a 54.000, sendo máis de 8000 os fogares con todos os seus membros no paro.

Outro dato moi preocupante amosa que o número de fogares que teñen dificultades para chegar a fin de mes sitúase no 61,82% (datos de 2011), mentres que o 56,09% dos fogares de Vigo teñen ingresos totais de menos de 2000 euros ao mes. Arredor do 20% ingresa menos de 1000 euros. Ademais, en máis dunha cuarta parte dos fogares (26,452%) as prestacións representan o 100% dos ingresos mensuais.

Defender os dereitos na rúa

Diante disto, os representantes da CIG-Vigo amosáronse comvencidos de que o vindeiro 10 de Marzo, Día da Clase Obreira Galega, é unha boa ocasión para que os traballadores/as saian á rúa a reclamar melloras nas súas condicións laborais e de vida e a esixir a anulación de todas as reformas que eliminaron dereitos conquistados durante anos de loita obreira.

“Temos que mobilizarnos para esixir que, goberne quen goberne, todas estas medidas antiobreiras sexan retiradas, ao igual que a Lei Mordaza coa que pretenden criminalizar a mobilización social”, remataron.

 Deste xeito, fixeron un chamamento a toda a clase traballadora da comarca para que participe na manifestación organizada pola CIG para o vindeiro 10 de Marzo en Vigo. A marcha partirá da Doblada ás 20.00 horas e rematará na farola de Urzaiz.