A clase traballadora viguesa clama polo indulto a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez

Unha nova manifestación percorreu este xoves as rúas da cidade en solidariedade cos dous traballadores

Vigo -

As rúas de Vigo acolleron este xoves unha nova manifestación para reclamar o indulto a Carlos Rivas e Serafín Rodríguez, os dous traballadores condenados a tres anos de cadea por participar nun piquete durante a folga provincial do transporte en 2008.

A remate da mobilización, que se desenvolveu entre Vía Norte e o farol de Urzaiz, a compañeira de Serafín Rodríguez foi a encargada de dar lectura a un manifesto no que se denuncia o feito de que os dous afectados e as súas familias levan xa case dez anos de “agonía” a pesar de que o seu único delito foi defender os seus dereitos e os dos seus compañeiros/as:

Aquí estamos. Catro anos despois. Unha vez máis nas rúas a esixir xustiza para dous traballadores inocentes. Levamos catro anos de espera polo indulto, pero son xa case dez de agonía. Dun calvario tan inimaxinable como inxusto. Dunha situación que nin Carlos, nin Serafín, nin as familias e as persoas que os queremos, puidemos imaxinar nunca.

Pensabamos que vivindo nunha presunta democracia, exercer dereitos fundamentais como o de folga, o de reunión, o de manifestación ou de libre expresión, non podía ser causa para perder a liberdade. Que loitar por mellorar as condicións de traballo e os salarios non ía ser o “delito” para que unha sentenza inxusta os condenase a tres anos de prisión. Non podíamos imaxinalo e resistímonos a crer que sexa posible. Pero sobre todo, seguimos dispostos e dispostas a impedir que iso pase. 

Pensabamos que vivindo nunha presunta democracia exercer dereitos fundamentais como o de folga non podía ser causa para perder a liberdade

Durante as innumerables noites en vela, ou neses tantos momentos ao longo do día nos que non te podes distraer do risco real de que ao final acaben perdendo a súa liberdade, acabas por lle dar voltas a como é que isto pode pasar. Buscas unha explicación que te permita comprender como pode ser posible que dúas persoas inocentes, que non provocaron ningún dano a nada nin a ninguén, teñan que vivir baixo a ameaza permanente de poder ir á cárcere por unha folga.

E por mais que pensas e repensas, acabas por chegar a un convencemento que non consola: que Carlos e Serafín están nesta situación por mala sorte. Que non é contra eles todo isto. Que podíamos ser calquera. Calquera de vós, ou das vosas familias. Que eles son só dúas vítimas anónimas e inocentes, dunha campaña brutal que o único que perseguía era desmobilizarnos e baixarnos os brazos. Facernos mansos e mansas, para aceptarmos sen chistar máis e máis recortes, seguir a perder dereitos e a nos empobrecer mentres os poderosos/as son cada vez máis poderosos/as.

É indecente que a pesar do clamor social e institucional que demanda o indulto que por xustiza merecen, o Goberno español do Partido Popular continúe a virarlle as costas. Continúe en silencio. E así, dous traballadores inocentes continúan a vivir un calvario mentres os corruptos/as campan libres, e mentres non se senta a ningún explotador/a no banco dos acusados/as. É indecente e cínico, porque o propio Partido Popular, nos Concellos, na Deputación de Pontevedra ou no Parlamento galego até por dúas veces, expresou o seu apoio á petición de indulto. A que esperan? Nós non podemos esperar nin un minuto máis!

Carlos e Serafín son as vítimas concretas. Pero a inxustiza que soportan, que soportamos, éo con todos e con todas. Catro anos despois, e a pesar de todo o pasado, da dor inmensa que esta situación provocou e que acabou por nos tronzar a vida, só temos unha satisfacción: a de que fracasaron. A de que non conseguiron someternos. A de que a pesar do medo ou do cansazo, cada mes seguimos a saír ás rúas coa cabeza en alto para denunciar publicamente a inxustiza contra Carlos e Serafín. A de que a pesar da cada vez máis dura represión, cada día vemos como traballadores e traballadoras non se resignan, non se renden, e continúan a loitar contra vento e marea en defensa dun futuro mellor e máis xusto para eles e os seus.

A pesar da cada vez máis dura represión vemos como os traballadores/as non se resignan, non se renden, e continúan a loitar por un futuro mellor

A satisfacción inmensa de sabermos que non están sós, que non estamos soas. De sentirmos o alento dos sindicatos, de partidos políticos, de institucións, de organizacións sociais, pero sobre todo, da xente. Non temos palabras para agradecer ese caudal inmenso de solidariedade, de apoio e comprensión, que en moitos momentos nos axudou a seguir adiante, que nos deu moral e forza para seguir a loitar, a non desistir. Moitísimas grazas a todos e todas, por tanto.

Remato xa. Aquí estamos, catro anos despois. E aquí seguiremos, firmes, enteiros e enteiras, sen fraquear. Porque non nos imos dar por vencidos. Porque queremos recuperar as nosas vidas. Porque queremos que se faga xustiza con Carlos e Serafín. E porque non queremos que ningún traballador, nin ningunha traballadora, teña que volver pasar por isto nunca máis.

INDULTO XA!

Volver