A CNMV non considera válida ningunha das titulacións das Universidades galegas para poder traballar nun banco

A CIG-Banca denuncia que o organismo invade competencias educativas da Xunta de Galiza

Nacional -

A lexislación europea obriga ás entidades financeiras a formar ao persoal cara a venda de produtos financeiros. A Comisión Nacional do Mercado de Valores (CNMV) non atendeu as distintas alegacións formuladas pola CIG e finalmente considerou que ningunha titulación impartida polas universidades galegas terá validez. Desde o sindicato demándase unha actuación inmediata da Xunta de Galiza ante unha decisión que a central sindical entende que invade as competencias educativas do noso país.

A CNMV publicou unha lista das titulacións que considera válidas para poder traballar nunha entidade financeira vendendo produtos. Unha función que, segundo a CIG-Banca, realiza o 90% do persoal.

Aínda que, segundo ten denunciado en sucesivas ocasión a federación, os sucesivos escándalos pola colocación indebida de produtos financeiros “son froito de políticas de empresa tras da que se agochan as agresivas políticas comerciais”, a maior parte das sentenzas alegaban unha falta de información por parte dos traballadores e traballadoras da banca á clientela. Unha estratexia á que para a CIG se recorreu “para non facer fronte a devolucións colectivas e masivas, individualizando as demandas das persoas afectadas”.

En base a esa argumentación, o secretario nacional da CIG-Banca, Clodomiro Montero, lembra que a UE aprobou unha Directiva que establece os coñecementos mínimos requiridos para os e as profesionais que colocan produtos financeiros. Unha normativa que blindará aos bancos ante futuras demandas.

Montero sinala que a nivel do Estado, foi a CNMV quen elaborou unha Guía Técnica e que agora fixo públicas as titulacións que considera válidas para traballar na banca. “Cabe destacar que non considera válidas as carreiras universitarias, nin as formacións profesionais. Requirindo en calquera caso as “certificacións” agora publicadas”, denuncia.

http://cnmv.es/Docportal/Legislacion/Titulos/ListadoTitulos.pdf

Invasión de competencias

O secretario nacional de CIG-Banca denuncia que as titulacións validadas pola CNMV, malia carecer de capacidade e competencias en materia educativa, “pertencen na súa maior parte a asociacións privadas (aínda que nalgún caso sexan socios destas asociacións os propios bancos) e só valida certificacións da Universidade Politécnica de Valencia (pública) ou da Universidade Pontificia de Comillas (privada), que segundo a CNMV serían as únicas que terían presentado titulacións para a súa validación”.

Desde a CIG-Banca denuncian publicamente o “desleixo” da Xunta de Galiza, xa que esta cuestión foi debatida no Pleno do Parlamento Galego, despois de que o sindicato mantiveran reunións cos Grupos do BNG e de En Marea e que estes presentasen iniciativas parlamentares.

Por iso a CIG reclama unha actuación inmediata da Xunta de Galiza ante unha invasión de competencias en materia educativa por parte dese Organismo estatal, que semella actuar ao mandado das Entidades e das súas asociacións. “Non é posible que un organismo estatal invalide as titulacións das universidades galegas, e valide a de chiringuitos creados polos propios bancos”, afirma Montero.

A isto engade que, por iso, “reclamamos que a Xunta de Galiza actúe para que se validen as titulacións universitarias, nomeadamente as carreiras e diplomaturas da rama económica, e as formacións profesionais realizadas ao abeiro da lexislación autonómica, estatal e europea” claman dende o sindicato.

 

Volver