A comarca de Fisterra mobilízase contra a venda das centrais hidroeléctricas

Máis de 3.000 persoas participaron na concentración convocada este sábado polo Comité

Cee -

Traballadores/as, familiares, representantes políticos e veciños e veciñas da comarca de Fisterra manifestaron na tarde do sábado o seu rexeitamento unánime á venda das centrais hidroeléctricas e á segregación de actividades produtivas que pretende levar adiante Ferroatlántica, conscientes de que esta operación "será a ruína da comarca".

"Ao Grupo Villar Mir pouco lle importan os 400 postos de traballo que se perdan e a incidencia negativa que para a comarca ten tanto social como economicamente. Só lle importa desviar os cartos das centrais para solucionar as débedas que ten noutros negocios", denunciou o Comité durante a concentración realizada na Praza do Concello de Cee baixo o lema "As nosas centrais non se venden".

A Villar Mir só lle importa desviar os cartos das centrais para solucionar as débedas que ten noutros negocios"

A preocupación polo impacto da venda está presente non só entre o persoal do complexo industrial e as plantas de enerxía, senón tamén entre as corporacións municipais dos concellos da bisbarra, que se teñen manifestado publicamente contra esta operación, demandando a intervención inmediata do Presidente da Xunta.

Neste senso, a representación do persoal lembra que a perda destes 400 empregos suporía que "se deixarían de ingresar no sector servizos na nosa comarca (comercio, hostalaría, automoción,...) máis de 700.000 euros mensuais só en salarios".

Incremento dos custes enerxéticos

A segregación de actividades é un obxectivo que xa figuraba no plan de viabilidade da empresa no ano 92, cando o Grupo Villar Mir comprou as fábricas e as centrais hidroeléctricas a Carburos Metálicos. Daquela, foi o Parlamento de Galiza, nunha decisión posteriormente ratificada polos tribunais de xustiza, quen impediu a separación de actividades, coa finalidade de salvagardar o interese público da explotación dos nosos recursos naturais.

A venda provocaría un incremento dos custes enerxéticos insoportábeis para a viabilidade das fábricas"

Destaca o Comité a importancia de manter vinculadas ambas actividades nunha industria destas características na que os últimos 25 anos non se realizaron investimentos para a súa modernización "o que non a fai competitiva". De feito, outras fábricas do propio Grupo Ferroglobe (división na que está englobada Ferroatlántica) producen o mesmo con menos custes.

"A venda das centrais provocaría un incremento dos custes enerxéticos insoportábeis para a súa viabilidade (aí está o exemplo de Alcoa). E, neste contexto, é fácil entender que a única intención de Villar Mir será o peche das fábricas de Cee e Dumbría", advirten.

"A Xunta non pode manter unha postura ambigua"

Por iso, o Comité volveu esixir a intervención inmediata da Xunta de Galiza "pois ten a obriga de facer cumprir a legalidade vixente e desautorizar a segregación e a venda das centrais".

En canto á iniciativa rexistrada esta semana polo grupo parlamentar do PP, consideran que segue na liña do transmitido polo conselleiro de Industria na reunión que tivo co Comité, "manténdose nunha ambigüidade intolerábel en canto á segregación das actividades. Nas actuais circunstancias non chegan as posturas tibias, a Xunta ten que ser firme na defensa dos empregos e non actuar como cómplice de Ferroatlántica", sentencian.

Volver