A Comisión de Centro apoia as concentracións do persoal de Urxencias do Hospital da Coruña

Este xoves día 30 haberá protesta ás 9 horas para demandar a contratación de máis profesionais
A Coruña - 28 Dec 2021

A Comisión de Centro do CHUAC apoia as concentracións promovidas polas traballadoras e traballadores de Urxencias do Hospital da Coruña en demanda dun incremento de persoal para afrontar a carga de traballo e garantir a adecuada atención sanitaria. A Comisión de Centro leva anos denunciando a situación de permanente saturación que padece o servizo de urxencias do HUAC, o que carrexa unha sobrecarga elevadísima dos e das profesionais.

"É habitual a distribución de pacientes nos corredores, vulnerando o dereito á intimidade e minguando a calidade asistencial prestada", denuncian. Porén, a pesar desta situación, a Xerencia non ten contratado persoal de estrutura para a atención dos/as doentes e "xoga cunha improvisación constante", o que leva repetidamente a que a atención nestes corredores se faga desprazando persoal doutras localizacións de Urxencias, sobrecargando así aínda máis o servizo.

Actualmente, engaden, son frecuentes quendas de traballo "nas que hai menos profesionais ou incluso nas que se están mobilizando fóra do servizo de urxencias, agravando aínda máis se cabe a situación".

Pola súa banda, a Xerencia xustifica a súa pasividade e falta de operatividade en que non hai enfermeiras/os, mais na realidade tampouco se contratan outras categorías que son necesarias e nas que non existe déficit de profesionais. Ademais, as enfermeiras/os das que dispón continúan sen ter contratos estables que puideran dar unha continuidade asistencial no servizo.

"Todo isto leva as/os traballadores a un calendario de mobilizacións,  apoiados pola Comisión de Centro, e non se pode descartar incrementar as accións de protesta outra serie de medidas se a Xerencia continúa obviando a situación crítica na que se atopa Urxencias do HUAC", avanzan.