A Comisión de Centro considera "inaceptábel" a diminución da actividade asistencial no CHUAC

Esixen "menos propaganda e máis responsabilidade e seriedade" na atención sanitaria

A Coruña -

A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) cualificou de "inaceptábel" o novo peche de camas e de unidades cirúrxicas "na situación de masificación  na que se atopa o CHUAC: listas de espera, colapso de urxencias, falta de camas e falta extrema de persoal".

A poboación da área sanitaria da Coruña, denuncian, está aturando unhas listas de espera asfixiantes en todos os ámbitos de atención sanitaria (consultas, proas diagnósticas, cirurxías…) e os tempos de espera "veranse temerariamente incrementados polo descenso inxustificado e premeditado da actividade asistencial que se vai producir a consecuencia do peche dos dous hospitais de día cirúrxicos do Complexo  (Hospital Abente y Lago e Materno Infantil), da diminución de consultas médicas, etc.".

Para a Comisión de centro tampouco se pode tolerar que nun hospital cun servizo de urxencias permanentemente colapsado pola falta de camas hospitalarias -especialmente de Medicina Interna-, a Xerencia pretenda pechar practicamente o 30% das camas desta especialidade.

Peche en Oncoloxía

Dende a Comisión de Centro consideran especialmente preocupante o prexuízo que van sufrir as/os doentes oncolóxicas/os como resultado do peche da unidade de Oncoloxía e do seu traslado a unha unidade de Medicina Interna, que arrastra un dos déficits de persoal máis importantes do Hospital. "Na práctica redúcese dun xeito moi importante o persoal de enfermaría destinado á atención dos/as pacientes oncolóxicos, mentres que  ás e aos profesionais, expertos en coidados de Medicina Interna, négaselles formación específica en Oncoloxía".

"As e os profesionais do Complexo Hospitalario sentímonos maltratados pola administración e estamos a soportar unha altísima presión asistencial todo o ano pola falta de persoal na meirande parte dos servizos: unidades de hospitalización (Neurocirurxía, Neuroloxía, Medicina Interna, Hospital de Oza…), servizos centrais (laboratorios, radioloxía..), cociña, lavandería…", critican.

Cadros de persoal en precario todo o ano

A este respecto, engaden que, no período do verán, o problema non está no exercicio de dereitos tan básicos como as vacacións, xa que se os cadros de persoal foran os necesarios, no período vacacional poderíase manter maior actividade cirúrxica e médica e o resto do ano incrementaríase a capacidade asistencial e mellorarían as condicións de traballo.

"E sobre todo, se os cadros de persoal contasen co persoal necesario, remataríase coa contratación precaria, abusiva, en fraude, que practica a Consellería, o Sergas e as súas Xerencias, empregando contratos de acúmulo de tarefas para a cobertura de postos estruturais. Exemplo claro disto é a contratación para a  Unidade de Ictus, publicitada polo Sr Feijoo e polo seu goberno, e que segue sen ter a dotación de persoal imprescindíbel", denuncian.

A Comisión de Centro do Complexo Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC) esixe "menos propaganda e máis responsabilidade e seriedade" na atención sanitaria, que non se reduza a actividade durante o verán e que se realice a contratación necesaria para atender a demanda sanitaria da poboación. Así como "que se cese con esta xestión que só se preocupa de reducir o gasto a pesar de incrementar as listas de espera e saturar urxencias cada verán con esta política de peche de camas".

Volver