A Comisión de Centro do CHUS denuncia o peche de 172 camas no verán para non contratar persoal

Alerta do incremento de listas de espera, a saturación de Urxencias e as derivacións á privada

Compostela -

Representantes da Comisión de Centro do CHUS e usuarios/as da sanidade pública concentrábanse este mércores no Hospital de Conxo para denunciar o peche de 172 camas no Complexo Hospitalario: 112 no Hospital de Conxo; 18 no Hospital Clínico e 42 no Hospital Gil Casares, segundo os datos comunicados pola Xerencia. O presidente da Comisión e delegado da CIG, Camilo Agulleiro alertou, no decurso da mobilización, das consecuencias que terá esta decisión para a prestación do servizo público: incremento das listas de agarda, saturación de Urxencias e derivacións á sanidade privada, entre outras.

Agulleiro denunciou que a Xerencia xustifica esta planificación en época estival nos menores índices de ocupación hospitalaria por unha “redución estacional de patoloxías e a correlativa redución de ingresos por enfermidade” e para concentrar “a maior parte das vacacións do persoal facultativo” para os que di que non ten substitutos, “cando se se fixeran contratos estables non se terían que emigrar para outras comunidades”.

Fronte a isto, asegurou que a Xerencia, “segue a interpretar a leis como boamente lle convén” e que, nesa liña, limítanse unicamente a entender que o traballo que teñen que facer para a “implementación de medidas a seguir para asegurar unha prestación universal de calidade, que contribúa a sostibilidade do Sistema de Saúde” é pechar unidades e non contratar persoal das listaxes porque xa dispoñen do cadro de persoal das unidades que pechan.

Listas de agarda

A este respecto advertiu que como consecuencia disto, “un ano máis as axendas de consultas por enfermidade estarán pechadas até o remate das vacacións, aumentando as listas de espera daquelas especialidades que se ven afectadas polo peche de camas (dermatoloxía, cirurxía xeral e dixestiva, oftalmoloxía, uroloxía, e traumatoloxía), co argumento de que no verán baixa o número de doentes”.

Xunto a isto alertou dos colapsos que a falta de camas provoca no servizo de Urxencias, “con máis de 20 e 30 pacientes pendentes de ingreso e con esperas de até 3 días por unha cama, e/ou a derivación a centros privados”. Por iso considerou que estamos diante dunha “nova agresión”, que incrementa o deterioro da Sanidade Pública co único obxectivo de aforrar recursos públicos a custo de reducir prestacións sanitarias.

Sen lóxica ‘asistencial’

O peche de servizos sanitarios carece, segundo Agulleiro, “de toda lóxica asistencial”, porque xera un medre das listas de agarda (cirurxías, probas diagnósticas...) ao tempo que xera un incremento das listas do paro respondendo unicamente a criterios economicistas. “Isto á xerencia dálle igual”, explica, porque “o obxectivo é pechar camas para non contratar persoal, non hai ningún outro argumento que xustifique estes peches”.

Por iso acusou ao SERGAS e, nomeadamente a Xerencia do CHUS de “condenar aos cidadáns a non ter unha asistencia digna pola redución das prestacións sanitarias, e condenar ó mesmo tempo ao paro, a un gran número de traballadores”.

Volver