A compañía pontevedresa Transegre despide 2 candidatos da CIG tras convocar eleccións sindicais por primeira vez

A central reclama a readmisión e unha indemnización para os afectados por vulneración do dereito de liberdade sindical
Vigo - 16 Ago 2016
A CIG denunciou hoxe publicamente que a empresa Transegre, con sede en Pontevedra e pertencente ao grupo catalán Valls Companys, vén de despedir dous candidatos da CIG apenas tres días despois de que se convocasen as eleccións sindicais por primeira vez. A central presentou unha demanda para reclamar a nulidade das rescisións de contrato na que solicita unha indemnización para os afectados por vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical.

Segundo explicou hoxe en rolda de prensa Xabier Aboi, da FGAMT-CIG, -que compareceu acompañado dun dos traballadores depedidos- a compañía Transegre, que pertence ao mesmo grupo empresarial de Avícola de Galicia, executou os despidos tres días despois de que se tivese comunicado o inicio do proceso electoral. “Fixemos o preaviso o día 26 de xullo e o 29 recibiron a carta de despedimento”, sinala.

Ademais, denuncia que o cadro de persoal, integrado por máis de 20 traballadores/as, foi interrogado polo encargado xeral da empresa nada máis coñecer que se convocaban as eleccións sindicais. “Entrevistouse un a un con cada empregado/a para dicirlles que están tolos porque na empresa non queren sindicatos, e moito menos a CIG; tamén lles preguntaba se estaban afiliados e se se ían presentar na nosa candidatura”, critica. Segundo sostén Aboi, os despidos chegaron xusto despois de comprobar que había varias persoas que ían representar a central nacionalista no proceso.

A dirección de Transegre, para non recoñecer que as rescisións de contrato teñen que ver co feito de que se presenten pola CIG, argumentou os despidos citando unha cláusula do Estatuto dos Traballadores que establece como causa de despido a <<transgresión da boa fe contractual>>. “Porén, na liquidación indemnízanos como se o despido fose improcedente, polo que recoñecen que non teñen motivos obxectivos”.

Mais, segundo indica Aboi, a central optou previamente por comunicarlle á Inspección de Traballo e á Xunta o nome dos candidatos “porque xa sospeitabamos que non ían deixar que se presentasen, tendo en conta a traxectoria de persecución sindical doutras empresa do grupo, como Avícola de Galicia”.

Ao mesmo tempo, a CIG presentou unha demanda por vulneración do dereito fundamental de liberdade sindical na reclama a nulidade dos despidos e solicita a readmisión e unha indemnización para os afectados. “O vindeiro día 22 constitúese a mesa electoral e agardamos que estas persoas poidan participar no proceso con total normalidade, aínda que non iremos ao SMAC até o 25”. Ademais, fai un chamamento aos resto de sindicatos para que non se presten a coller baixo as suas siglas ao candidato da empresa.

Finalmente, anunciou que a central iniciará unha campaña informativa mediante pancartas co obxectivo de dar a coñecer entre a opinión pública o que está a acontecer na empresa e lembra que con anterioridade intentaron negociar coa dirección unha redución da xornada laboral, “xa que o encargado obriga o persoal a presentarse unha hora antes na empresa”.