A concesionaria do servizo de socorrismo no Pavillón dos Remedios e nas Pozas de Outariz despide por reivindicar dereitos laborais

A empresa ourensá Saudeter incumpre sistematicamente o convenio de Instalacións Deportivas
Ourense - 20 Feb 2019

A empresa ourensá Saudeter, concesionaria do servizo de socorrismo no Pavillón dos Remedios e nas Pozas de Outariz, vén de despedir a un traballador que exercía como un dos voceiros do colectivo nas reivindicacións dos seus dereitos e nas denuncias polas condicións de traballo. A Unión Comarcal da CIG de Ourense sinala que a compañía incumpre sistematicamente o convenio de Instalacións Deportivas e insta ao Concello a intervir ao tratarse dun servizo municipal.

Dende a central lamentan que a resposta de Saudeter ás reclamacións e denuncias dos socorristas -trasladadas tanto á dirección da empresa e á xerencia do Consello Municipal de Deportes como á propia Inspección de Traballo- “fose o cambio de carteleira e asignación unilateral a cada socorrista dun réxime horario que impide a conciliación do traballo con outras actividades como os estudos”. 

A empresa explota o seu persoal con xornadas que superan as 55 horas semanais

Pero agora a compañía vai máis alá co “despedimento fulminante” dun traballador que precisamente exercía como un dos portavoces do colectivo nas súas reivindicacións e denuncias, que pasan, entre outras cousas, polo incumprimento sistemático do convenio de Instalacións Deportivas.

Dende a Unión Comarcal da CIG de Ourense aseguran que Saudeter explota os seus traballadores/as con xornadas que moitas veces superan as 55 horas semanais; négalles na práctica o dereito ao descanso semanal e ás vacacións; e comete fraude á Seguridade Social deixando de cotizar polas horas traballadas de máis.

Demanda no Xulgado

Diante disto, adiantan que a asesoría xurídica da central xa está a estudar a presentación dunha demanda ante o Xulgado do Social reclamando a nulidade do despedimento, “o que non quita que lle esixamos ao Goberno municipal que interveña neste conflito, reclamando a readmisión do traballador e o cumprimento íntegro da legalidade que o convenio obriga en canto ás condicións de traballo”.

Finalmente, lembran que unha empresa que explota unha concesión pública debe ser estrita no cumprimento da lei e a Administración titular do servizo, neste caso o Concello, ·ten que ser necesariamente o garante de dito cumprimento”.