Educación elimina cando menos 31 postos de traballo co peche de centros e o traslado de ensinanzas

A cifra podería aumentar xa que varias das prazas poderían suprimirse no próximo curso

Nacional -

A CIG-Ensino vén de denunciar que a Consellaría de Educación, nun novo xesto de falta de negociación, non proporcionou ningún dato concreto sobre a cifra total do profesorado que perde o seu posto de traballo nin das futuras supresións que xa avanzou o conselleiro no Parlamento. Con todo, calculan que un mínimo de 31 profesores/as quedarán sen emprego polo peche de centros e o traslado de ensinanzas, cifra que podería aumentar xa que varias das prazas poderían suprimirse no próximo curso.

Dende a federación de Ensino da CIG explican que na Mesa Sectorial que tivo lugar este martes “viviuse un novo capítulo da política de recortes no ensino público porparte da Consellaría de Educación” xa que o peche de centros “imposto unilateralmente” polo departamento autonómico e o traslado de ensinanzas da ESO “vai implicar unha redución importante de postos de traballo e un empeoramento da oferta educativa e da calidade do ensino”.

O peche de centros imposto pola Xunta vai implicar a perda de empregos e de calidade no ensino público

Malia a falta absoluta de información por parte da Consellaría dos efectos do peche e traslado de ensinanzas, a CIG-Ensino puxo enriba da mesa as cifras que a Xunta agocha e deixou ao descuberto a verdadeira e única intencionalidade desta mal denominada 'reestruturación'. En total serán, como mínimo, 31 postos de traballo os que se perdan por estes recortes. A cifra podería chegar a 35 se o Goberno galego desatende as necesidades de especialistas en PT que a día de hoxe existen por riba do Catálogo de Postos de Traballo debido ao elevado número de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo (NEAE).

As cifras por centros e concellos serían as seguintes:

Outes

Non se produciría ningunha variación no total de unidades escolares, o que fai dubidar de que se estean adiando supresións para un momento posterior xa que, por exemplo, figuran 6 unidades de EI con 8 docentes cando na actualidade só existen 5 aulas operativas. A vella táctica da Xunta de suprimir aulas e docentes en diferido parece que se vai aplicar tamén neste caso.

As Pontes

Pérdese 1 posto de PT do corpo de mestres na ESO e están no aire dous postos a maiores de PT que desde a CIG demandamos que se manteñan.

No caso de profesorado se secundaria pérdense 6 postos de traballo. O traslado de ensinanzas vai implicar unha masificación nas aulas do IES Moncho Valcárcel, xa que das 4 aulas existentes no CPI que agora pecha só se incrementará 1 aula no outro centro pontés.

O Porriño

Hai un total de 6 postos de traballo que se perden co traslado das ensinanzas do CPI ao IES do Ribeiro.

Ribadavia

Os efectos do cambio das ensinanzas da ESO vai implicar a eliminación de 16 postos de traballo, 2 deles do corpo de mestres e 14 no profesorado de secundaria, 9 deles que proveñen do CPI e 5 postos con destino provisional no centro receptor.

Autoritarismo da Consellaría

Dende a CIG-Ensino fíxose fincapé en que as formas en todo este proceso foron “claramente vergoñentas”, sen previo coñecemento dos centros, cunha decisión unilateral sen negociar, recorrendo a chamadas telefónicas ou visitas no último minuto aos centros. Evidenciouse “o autoritarismo da Consellaría e mesmo a covardía”, fuxindo do debate público, da negociación cos sectores afectados, da comunicación co profesorado e o restos da comunidade educativa. Todo para, en palabras do conselleiro, non crear 'alarma social', “cando foi precisamente iso o que causaron xunto cun enorme malestar e indignación”.

Dende a federación sosteñen que é imposíbel crer que isto responda a unha improvisación de finais de curso. “A Consellaría sabía perfectamente o que quería facer con moita antelación”, aseguran.

Na súa opinión, tamén se evidencia que xunto co escurantismo e a ausencia de negociación mestúrase a pésima xestión “cando hai equipos directivos que recibiron un email o día 13 de xullo co cese con efectos do 4 de xullo, mentres que na orde que nos trae hoxe á Mesa figura como data de cese o 31 de agosto”.

A política educativa do PP

Diante disto, denuncian a política educativa do PP está a agudizar o problema que existe no medio rural e nas vilas de tamaño medio, cunha redución da oferta educativa que demostra a visión mercantilista da administración, “contemplando o ensino como fríos números, coa calculadora que só opera para restar ou para maquillar os recortes”.

Mais advirten de que non se trata só dunha cuestión exclusivamente educativa, xa que ten un profundo alcance social. “Asistimos a unha progresiva perda de poboación mentres dende o Goberno se toman medidas que provocan un maior desarraigo, ao eliminar os poucos servizos que se lle ofrecen”. Por isto pregúntanse se a Consellaría un estudo feito do futuro do CPI e dos centros incompletos no conxunto do país. 

Non é un tema exclusivamente educativo, xa que ten un profundo alcance social

Dende A CIG-Ensino demándanlle á Consellaría que informe sobre as súas pretensións ao respecto dos CPI do conxunto do país, xa que sospeitan que se acaba de dar unha mensaxe perfectamente clara. “Cando o conselleiro fala de anacronismo está indicando o futuro destes centros”.

O mesmo afirman do que acontece con casos similares ao CEIP Emilio Navasqüés de Cruceiro de Roo, en Outes. “Son moitos os centros cun número igual ou mesmo inferior a este que poderían seguir o camiño do peche agora executado pola Xunta”. Polo tanto, adiantan que defenderán, “como sempre o fixemos”, un tratamento específico para o ensino no rural, “coñecedores/as como somos da necesidade de apostar por unha mellora dos servizos públicos para fixar poboación e garantir o futuro do rural”.

Garantizar os dereitos do profesorado

Ao mesmo tempo, afirman que o profesorado non pode ser un elemento “de usar e tirar, co que non se conta, ao que se despreza e ao que cambiamos as condicións de traballo, o posto de traballo dun día para outro”. Lembran que esxiste unha normativa que serve de base para garantir os dereitos do profesorado cando perde o seu posto de traballo. “Mais esa norma non pode ocultar a realidade que forza a propia Consellaría; non hai mais que ver esta última actuación: adxudica prazas no concurso de traslados (CXT) para centros que agora pecha, impide que o profesorado poda participar no CXT con coñecemento previo dos plans da Consellaría, etc.”

Diante disto, reclaman que se exima da obrigatoriedade de adscribirse, con ocasión de vacante, ao centro receptor. “Debe permitirse que todas aquelas persoas que, tendo destino definitivo nos centros que se pechan ou perden ensinanzas, queiran optar pola supresión, así o podan facer”. Xa que entenden que obrigalos/as a ir ao novo centro é unha inxustiza, “máxime cando hai casos de mestres/as que acaban de saír deles ou cando estamos a falar de cambios importantes nas súas condicións de traballo (horarios diferentes, xornadas partidas, etc.)”.

Volver