A Consellaría négalle información á CIG-Ensino sobre a situación dos cadros de persoal de Secundaria

A Federación demanda un incremento substancial nas vacantes do concurso de traslados
Nacional - 18 Xan 2018

A Consellaría de Educación, a través da súa Secretaría Xeral, aposta pola falta de transparencia e vén de denegarlle á CIG-Ensino información da situación dos cadros de persoal de Secundaria. Isto supón que non se poidan coñecer cuestións tan básicas e fundamentais como saber cantos docentes definitivos de cada especialidade hai nos centros educativos. “Queda oculta a foto fixa de cada un dos centros e que todo o profesorado debería ter dereito a coñecer”, denuncia o secretario nacional da Federación, Suso Bermello.

Só en secundaria, hai máis de 800 docentes pendentes de obter o seu primeiro destino definitivo"

É dicir, os máximos responsábeis políticos da Consellaría “prefiren a opacidade” e ocultan información que puidese comprometer a arbitrariedade coa que habitualmente actúan á hora de dotar prazas con destinos definitivos e que se veu evidenciando nestes últimos anos, como demostra unha recente sentenza gañada pola CIG-Ensino.

A día de hoxe, só nos corpos de Secundaria, hai 807 docentes en expectativa de obter o seu primeiro destino definitivo. “Moitas destas compañeiras e compañeiros levan nesta situación desde hai máis de 10 anos. E son miles as persoas que agardan cambiar de destino definitivo e que ven como, ano tras ano, as súas esperanzas baten de fronte coa restrición na oferta de vacantes”, critica Bermello.

Estudo da CIG-Ensino

Estes datos tíranse do estudo que a CIG-Ensino elaborou a respecto da diferenza existente entre as vacantes que oferta como destinos definitivos a Consellaría de Educación dentro do Concurso Xeral de Traslados e os destinos que se cobren cada ano de forma provisional nos corpos de Secundaria, FP, Escolas Oficiais de Idiomas, Conservatorios de Música e Escolas de Artes.

Se ben, explica a CIG-Ensino, unha parte desas vacantes non pode ser cuberta con carácter definitivo, xa que son prazas que están reservadas a profesorado que neste momento non está no centro ou por outros motivos; isto non xustifica unha desproporción tan avultada como a que se presenta no estudo e que recentemente lle foi remitido á Consellaría solicitando unha revisión das prazas.

Desbloquear a oferta de vacantes

Hai moitas prazas que non se ofertan coa escusa de que boa parte das horas son para impartir docencia nos PMAR (Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento) ou na FP Básica, como se estas necesidades fosen desaparecer dun ano para outro. Hai tamén moitas outras vacantes de especialidades de FP que non se dotan con carácter definitivo pola suposta inestabilidade da demanda destas ensinanzas, nomeadamente da oferta modular e a distancia; “un argumento que, sinala a CIG-Ensino, pode ser razoábel durante un período de tempo, mais que se mantén cando xa se pode garantir esa estabilidade”.

Noutras áreas, como Música de Secundaria, nas que a redución de horario fai complicado recortar esta provisionalidade, esta dificultade “non pode servir de pretexto para que a Consellaría non faga nada ou invente solucións que o único que logran é crear outro conflito”.

Amortización das xubilacións

103 prazas de xubilación perderíanse ao ter decidido a administración que non se cubran con docentes definitivos"

Outro dos indicadores a salientar no estudo elaborado pola CIG-Ensino, neste caso partindo dos datos da Inspección Educativa nas respectivas Xefaturas Territoriais, é a persistencia da Consellaría en reducir os cadros de persoal coa amortización de xubilacións en moitos centros. Coa información dispoñíbel, neste momento serían 103 as prazas perdidas ao ter decidido a administración educativa que non se cubran con outros docentes definitivos.

Desde a CIG-Ensino vense denunciando desde hai anos ese continuo goteo de prazas eliminadas e fica claro que só se lle pode pór fin a esta sangría se se asume unha das principais demandas do profesorado galego: a redución de horario lectivo para recuperar as 18 horas lectivas coas que contabamos até o ano 2009 e a redución das rateos por aula que levan inalterábeis desde a LOE. Estas medidas son fundamentais para a recuperación de emprego, mais tamén o son para mellorar as condicións nas que se imparte a docencia e, por tanto, para acadar un ensino público de calidade.

Claustros estábeis

Tanto desde a perspectiva laboral e dos intereses do profesorado por estabilizar a súa vida profesional e mellorar no seu destino, como desde a óptica da mellora da calidade educativa, uns claustros estábeis son a mellor resposta para mellorar a organización interna dun centro e para garantir un proxecto pedagóxico de continuidade. Por iso desde a CIG-Ensino, en base a este estudo, “esixímoslle á Consellaría que incremente substancialmente as vacantes ofertadas no CXT”.

Hai centros cun desfase entre os destinos provisionais e os definitivos de máis de 20 docentes"

 Hai centros de Secundaria, nos que só se imparte ESO e Bacharelato, cun desfase entre os destinos provisionais e os definitivos de máis de 20 docentes. Centros nos que a Consellaría só oferta 1 ou 2 vacantes e que contan con 16 ou 18 docentes con destino provisional. Mesmo hai algún centro que non oferta ningunha vacante para o CXT e que conta con 10, 14 ou até 20 provisionais.

O desfase é maior naqueles centros nos que é maioritaria ou única a oferta de ciclos formativos, chegando a diferenzas superiores a 30 prazas. “É certo que a complexidade da oferta de FP pode xustificar parcialmente un maior índice de provisionalidade, mais non é menos certo que hai moitas prazas de ciclos consolidados en CIFP´s que seguen sen ser ofertadas”.

Todo isto tendo en conta que no estudo da CIG-Ensino só se amosan os centros educativos cun desfase entre provisionais e vacantes do CXT igual ou superior a 10 prazas. Obviáronse todos aqueles nos que a diferenza é menor, mais optouse por reducir a listaxe “porque o que se pretende é que esta chamada de atención sirva para revisar con profundidade a oferta en todos e cada un dos centros. Só así poderemos evitar o castigo ao que se ven sometidas a maior parte das especialidades”.

Especialidades castigadas coa provisionalidade

Nun segundo estudo da CIG-Ensino centrado no efecto da provisionalidade sobre as especialidades docentes, constátase como moitas delas contan cunha raquítica oferta de vacantes para un colectivo de profesorado en prácticas e en expectativa que podería acadar o seu primeiro destino definitivo se a Consellaría, atendendo á demanda da CIG-Ensino, mudase a súa política de oferta de prazas.

Así podemos ver como hai 34 vacantes de Lingua e Literatura Castelás cando se adxudican 183 provisionais, 47 vacantes de Xeografía e Historia fronte a 179 provisionais, 58 prazas de Lingua e Literatura Galegas cando houbo 199 provisionais, 81 de Matemáticas de 370 provisionais ou 46 de Inglés de 318. 

En especialidades propias da FP, vemos como FOL, presente en todos os ciclos formativos e, por tanto, en todos os centros, conta con 8 vacantes fronte a 78 destinos provisionais. Os desfases tamén están presentes en Administración de Empresas (8 de 68), Informática (5 de 60), Procesos de Produción Agraria (1 de 15), Procesos Sanitarios (9 de 28), Sistemas Electrónicos (2 de 27), Cociña e Pastelaría (1 de 25) e un longo etcétera que practicamente lle afecta á totalidade de especialidades.

A incidencia é menor no caso das EOI xa que se trata dun colectivo menor e no que en 4 das especialidades só hai profesorado interino. Non obstante, a oferta en especialidades como Alemán, Inglés ou Portugués debería ser maior.

Nas prazas dos CMUS tamén hai algunhas especialidades docentes nas que non hai nin o primeiro docente funcionario de carreira e a situación derivada da actual cobertura das prazas nos CMUS superiores (con reserva de praza nos centros de orixe para a maioría do profesorado que imparte docencia neles) mantén en mínimos a oferta de prazas do CXT desde hai anos. Agardemos que o proceso de acceso a cátedras que a Consellaría anunciou para a OPE 2018 poida servir para desatascar esta situación.