A Consellería de Educación aguza tesoiras co IES As Mariñas de Betanzos

Non cubre dúas vacantes por xubilación nin unha terceira praza dun docente en comisión de servizos
Betanzos - 20 Set 2017

Na adxudicación de destinos provisionais de 7 de setembro, a Consellaría de Educación non cubriu ningunha das tres vacantes no IES As Mariñas de Betanzos. O inspector de zona, nunha reunión na que estudou as necesidades de persoal docente deste centro, concluíu que era "imprescindíbel" a cobertura das vacantes producidas por dúas xubilacións e a dun docente que presta servizos noutro centro en comisión de servizos (vacantes que inclúen un horario completo de matemáticas e outro de administración de empresas).

Informados da situación, CIG-Ensino reclamou ante o inspector xefe da Coruña a cobertura inmediata destas tres prazas, pero para sopres da central sindical, comunicase que a administración só estaría disposta a cubrir, como moito, unha delas, xa que se extingue un dos ciclos de FP que se imparte no centro e abonda co profesorado do que dispoñen. Esta explicación, afirma a CIG-Ensino, "é absolutamente falsa" polas seguintes razóns:

-A extinción do ciclo é progresiva, e non garda relación con estes recortes. No curso pasado suprimiuse 1º e un docente, e a finais deste curso 2017/2018 extinguirase 2º e, con isto, abandonarán 3 docentes máis. Por outro lado, a matrícula global do centro aumentou este ano.

-Cos docentes actuais o centro non pode desenvolver os programas que legalmente está obrigado a ofrecer ao alumnado: PMAR (Programas de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento Académico), coordinación das FCT (prácticas nos centros de traballo), atención e actividades de biblioteca, etc. Incluso non habería dispoñibilidade para realizar as gardas preceptivas.

-Os e as docentes non poderán desenvolver as actividades organizativas que lles corresponden ao non dispor das horas que regulamentariamente lles pertencen para estas actividades: xefaturas de departamento, participación nas reunións do Consello Escolar, organización e coordinación de actividades extraescolares, coordinación das TIC, etc.

-Os rateos das aulas neste centro quedarían cos bacharelatos con 34 alumnos/as, e as  optativas con até 42 alumnos/as por aula, por riba dos máximos legais e moi por riba do requirido para ofrecer un mínimo de calidade no ensino.

Desde a CIG-Ensino denuncian "o desprezo absoluto co que a Consellería actúa cos seus traballadores e traballadoras, coas equipas directivas dos centros, e incluso cos seus propios órganos de inspección, ademais de desentenderse por completo do dereito do alumnado a recibir un ensino de calidade nas condicións previstas na lexislación. Non podemos consentir esta situación, docentes e alumnado de Betanzos merecen un trato digno por parte da administración educativa".