A Consellería cambia a selectividade a xullo sen escoitar o profesorado e a comunidade educativa

CIG Ensino critica a política “ausente de negociación” de Educación
Nacional - 22 Nov 2017

O conselleiro de Educación anunciaba, despois dunha reunión coa Comisión Interuniversitaria de Galiza (CIUG) e as universidades, que no presente curso remata a Avaliación de Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) de setembro, pasando a realizarse a proba a xullo no 2019.

O cambio respondería a unha reivindicación que viñan facendo as universidades nos últimos anos, segundo reza o comunicado da Consellaría de Educación. Porén, explica a CIG-Ensino, nada se di nese comunicado da opinión do profesorado do ensino non universitario, das organizacións sindicais que o representan, das ANPAS, do estudantado, dos Movementos de Renovación Pedagóxica, “ou, precisamente por englobar a todos estes colectivos, do Consello Escolar de Galiza, un órgano consultivo ao que a Consellaría prefire non consultar”.  

Un calendario imposto coa aplicación do Plan Boloña

Deste xeito, o calendario escolar imposto coa aplicación do Plan Boloña nos estudos superiores condiciona o calendario do ensino secundario “sen un contraste nin da experiencia da súa aplicación na universidade, nin que sexa escoitada a comunidade escolar”, anunciando xa o cambio para a selectividade de 2019, e deixando a deste curso como última que se fará en setembro.

“É obvio que existe unha disfunción actualmente entre o inicio de curso na universidade e as probas de setembro da ABAU ao que lle había que buscar unha solución”, apuntan dende CIG-Ensino. Pero cuestionando tamén se as   únicas voces a escoitar neste debate deben ser da CIUG ou de representantes das universidades, “foros onde nin sequera existe unha posición clara ao respecto do calendario derivado do Plan Boloña”.

Ausencia de negociación

Dende CIG-Ensnino lamentan, en todo caso, que a Consellaría vire de novo as costas ao profesorado galego “ao tomar decisións que nos afectan laboralmente sen escoitar previamente o seu parecer na Mesa Sectorial e no Consello Escolar de Galiza”. “Entendemos que sería máis intelixente establecer un debate sosegado e real sobre todo o calendario escolar galego, pero o Partido Popular volve actuar con feitos consumados. Quen enche o peito falando de pactos educativos e de supostos consensos prefire, na hora da verdade, actuar por libre nun tema controvertido e no que ademais se pon de manifesto un choque de modelos educativos e de avaliación”, apuntan.

En plena aplicación da LOMCE, cunhas reválidas derrotadas mais cun espírito vivo que entende a educación como unha carreira de obstáculos e que renega na práctica da avaliación continua fronte aos exames externos e o control do profesorado, “agora impón un calendario da ABAU no que se reduce ao máximo o tempo entre probas de avaliación”, algo que cobra maior importancia tendo en conta que este cambio implicará tamén que os exames de setembro para alumnado con materias suspensas se trasladarán tamén a finais de xuño ou principios de xullo.

Desde a CIG Ensino denuncian unha vez máis a política ausente de negociación e contraste da Consellaría de Educación.