A conserva segue adiante coas mobilizacións por un convenio digno tras o fracaso da mediación
O persoal do sector das conservas de peixe segue adiante co calendario de mobilizacións previsto tras o fracaso da mediación celebrada este luns no SIMA ante o bloqueo da negociación do convenio colectivo estatal. A xuntanza rematou sen acordo pola insistencia da patronal en rexeitar unha clasificación profesional xusta e pola súa negativa a pactar unha suba salarial digna.
Dende a FGAMT-CIG do Salnés sinalan que o desencontro entre as partes non ten que ver coas materias sociais abordadas durante as conversas e que aínda están pendentes de concretar, senón en dúas cuestións fundamentais que a patronal se nega a resolver, como son unha clasificación profesional xusta que remate coas desigualdades entre grupos e categorías e un incremento de soldos que garanta poder adquisitivo.
Non asinaremos un convenio que consolide desigualdade e perda salarial
“Os sindicatos presentes na comisión negociadora advertímoslle ao empresariado que non asinaremos un convenio que consolide desigualdade e perda salarial, polo que a responsabilidade de manter o conflito aberto é exclusivamente da patronal”. En consecuencia, a CIG, CCOO e UGT seguirán adiante coas mobilizacións previstas: unha manifestación o vindeiro sábado 24 de xaneiro dende o Concello de Vilagarcía ás 11:30 horas e catro xornadas de folga os días 27 e 28 de xaneiro e 24 e 25 de febreiro.
Principais propostas da CIG
Dende a central nacionalista inciden na necesidade de contar cun novo sistema de clasificación profesional baseado na valoración de postos de traballo, “pero claro e transparente, que non dea pé a discrecionalidades nin decisións de encadramento arbitrarias por parte das empresas”. Para o que considera necesario definir claramente cada nivel e anexar un catálogo con todos os postos de traballo e o seu encadre nos niveis (nomenclátor).
Tamén demandan complementos obxectivos e regulados no convenio: quendas, frío, perigosidade, polivalencia, etc. “É unha débeda histórica deste sector que se lle recoñeza ao persoal de fabricación certas condicións e coñecementos específicos”. Así como pactar claramente en que nivel se sitúa cada unha das categorías actuais e asignar o persoal a cada nivel en función do súa categoría actual e do traballo que realmente realiza. E por último, reclama unha suba salarial lineal en todas os niveis que garanta uns salarios dignos para todo o persoal.
Modelo común, transparente e con dereitos
“Nós defendemos un modelo común, transparente e con dereitos, para que ninguén cobre menos, polo que continuaremos insistindo coas nosas propostas para seguir a mellorar o convenio colectivo”.
Entre elas, a promoción automática aos dous anos nos postos de traballo; remate e acordo final xa da nova clasificación profesional; suba de categorías laborais e para todas as persoas traballadoras; igualdade retributiva; incrementos de soldos do 5% en todos os conceptos retributivos cada ano de convenio (2025, 2026 e 2027); mellora das licenzas e permisos retribuídos e que se computen en días laborais; e redución da xornada laboral anual máxima (1.715 horas en 2025, 1.700 en 2026 e 1685 en 2027).
Ademais, o descanso do bocadillo deberá de considerarse tempo efectivo de traballo e as vacacións serán de 31 días laborais.